O seu presidente, Javier Domínguez Lino, e o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, formalizaron esta a compravenda de tres parcelas, que suman máis de 12.000 m2, por un importe de máis de 500.000 euros. Nos terreos adquiridos instalaranse dúas naves pechadas e impermeabilizadas, nas que se levará a cabo o tratamento dos residuos orgánicos que se reciban, grazas ás últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, cunha operativa industrial que se alimentará con enerxía renovable —a través de paneis solares, fundamentalmente—.
Esta é a terceira planta de biorresiduos que construirá a Xunta a través de Sogama —xunto á de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e a de Cervo (Lugo)—. As obras xa foron licitadas por 7,2 millóns de euros e dará servizo a 24 concellos da provincia, cunha poboación de preto de 52.300 habitantes.
A instalación, de características similares á de Cervo, terá unha capacidade de tratamento de ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn de podas e restos de madeira. Con este material poderá acadarse unha produción de 1.500 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará á agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas.
Rede de instalacións de biorresiduos
Co fin de avanzar cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia, a Xunta de Galicia impulsou unha rede de infraestruturas, formada polas tres plantas que construirá Sogama, ademais da de Cerceda -xa en funcionamento- e polas 13 plantas de transferencia que están a ser adaptadas. Deste xeito, será posible que a gran maioría dos galegos dispoñan dunha instalación de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Así, Galicia poderá seguir optimizando e consolidando a eficiencia do seu actual modelo de xestión de recollida selectiva dos residuos, en cumprimento das directrices europeas, ao tempo que contribuirán a crear novos empregos verdes en diferentes sectores profesionais.