Ourense Cidade

'Taichi na rúa' celebra a súa 39ª edición no Posío

Será do 3 ao 21 de xullo, de luns a venres, entre as 8:00 e 9:00 horas. A asistencia será libre e de balde, sen límite de idade ou condición física.

Óscar Gómez

Ourense | 30.06.2023 08:48

'Taichi na rúa' celebra a súa 39ª edición no Posío
'Taichi na rúa' celebra a súa 39ª edición no Posío | onda cero

O Taichi, arte milenaria chinesa, celebra a edición número 39 no Xardín do Posío desde o vindeiro luns, día 3, ao venres, 21 de xullo, de luns a venres en horario de 08:00 a 09:00 horas, con asistencia libre e de balde, sen límite de idade ou condición física.

A actividade, que conta co apoio do Concello de Ourense, aposta por dinamizar os hábitos de vida saudables, pero tamén estimular as relacións entre persoas de diferente idade, cultura ou educación. O Taichi adapta a súa intensidade a calquera condición física, pero é especialmente recomendable para as persoas novas: “Ao tratar aspectos posturais evítanse doenzas posteriores”, recomenda o mestre internacional José Gago.

Entre os beneficios desta disciplina, están os de relaxar mente e corpo eliminando tensións musculares ao tempo que fortalece, tonifica e conecta as cadeas musculares de todo o corpo. A través de diferentes técnicas de respiración e dun adestramento funcional, produce ademais unha mellora notable da postura corporal.

O Taichi está especialmente indicado para eliminar o estrés, tonificar os músculos do corpo, mellorar a capacidade funcional dos órganos, diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares, fortalecer e equilibrar as zonas lumbares e abdominais, ou aumentar a densidade ósea para previr a osteoporose.