Tanto PSOE como BNG reclaman a reapertura dos Centros de Día
Os socialistas ourensáns lémbranlle a Alberto Núñez Feijóo que “é o máximo responsable o ter as competencias exclusivas en Sanidade e Política Social"
PSdeG-PSOE de Ourense reclámalle o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a reapertura dos centros de día na provincia de Ourense e que rectifique a súa decisión de mantelos pechados ata o outono, dispoñendo de todas as garantías para reabrir estas instalacións cos protocolos de seguridade e hixiene necesarios e reforzando o persoal nos centros de día que sexa necesario. Os socialistas non dan creto a decisión do líder do Partido Popular de Galicia e consideran que “se podemos estar en cafeterías, saír á rúa ou ir ás praias, os centros de día deberían estar abertos tamén, xa que é un dereito dos nosos maiores e das persoas vulnerables e Feijóo ten a obriga de atendelos”.
O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, sinalou esta fin de semana que “Feijóo amosa que non ten ningunha sensibilidade social e que despreza ás persoas máis vulnerables ao negarse a abrir os centros de día”. Os socialistas son conscientes de que milleiros de persoas estanse a ver privadas da súa rehabilitación e de actividades importantes para a súa saúde mental e física polo que Caballero sinala que “non podemos consentir este retroceso en dereitos para as persoas maiores e afirma que “un goberno progresista a partir do 12 de xullo poñerá todas as garantías para a reapertura destes centros”.
A número 1 do PSdeG-PSOE de Ourense ó Parlamento de Galicia, Marina Ortega, fixo fincapé en que “non é lóxico deixar na estacada os máis vulnerables desta crise, os maiores con dependencia e as súas familias” e lanzou a pregunta de “por que Feijóo que convoca as eleccións para xullo porque segundo el pode producirse un rebrote en setembro, pecha os centros de día e terapéuticos, os centros para persoas con discapacidade e as escolas infantís ata outono?”. A candidata socialista tamén lle lembra o presidente da Xunta que “debe estar a altura das circunstancias” e remarca que “o PSdeG comprométese a que a partir do 12 de xullo, cun goberno progresista na Xunta a reapertura sexa posible”.
A formación nacionalista quere impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a unha vellez digna
O BNG solicitou que se fagan públicos todos os informes elaborados durante a crise da COVID-19 nas residencias de maiores. A candidata do BNG ao Parlamento, Noa Presas, lembrou o compromiso da súa formación de constituír despois do 12X unha comisión de investigación “que poña luz e taquígrafos sobre o acontecido” ademais de impulsar un cambio no modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a unha vellez digna. Despois de coñecerse a filtración dun informe técnico da Xunta de Galiza onde se recollían as deficiencias na residencia intervida no Barco de Valdeorras, o BNG ven de solicitar que se fagan públicos todos os informes de todas as residencias intervidas polo executivo galego. A estes informes queren sumar os das residencias que non chegaron a ser oficialmente intervidas “como aconteceu en Celanova” para mostrar a máxima transparencia de toda a información que circulou nas Consellerías de Sanidade e Política Social.
Segundo os datos aportados, Galiza ten máis de 300.000 persoas entre os 70 e os 85 anos de idas das que só 20.000 están nunha residencia. Só este colectivo soportou o 45% das mortes que aconteceron durante a pandemia. “É hora de que haxa luz e taquígrafos sobre todo o acontecido nestes centros. Desde o BNG reclamamos que se publiquen todos os informes vinculados coa xestión das residencias” sinalou a candidata da formación, Noa Presas.
“Desde o BNG temos un compromiso moi claro coas familias e coas traballadoras destes centros” reafirmou Presas comprometéndose a que “a primeira iniciativa, que levaremos despois do 12X, será a creación dunha Comisión de Investigación sobre a xestión do coronavirus nas residencias de maiores”. Así mesmo, o BNG sinalou que hai que deixar atrás o modelo “privatizador do PP” no que o 66% das prazas en Ourense estean privatizadas coa ratio máis alta de todo o país.
A Comisión de Investigación no Parlamento servirá “para coñecer a verdade e impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e por facer do dereito á vellez algo garantido no noso país” segundo afirmou a candidata do BNG por Ourense. “Hai que dar un golpe de temón claro na xestión das residencias e apostar por rescatar as residencias de maiores para o sistema público porque unha vellez digna é un dereito” sentenciou Presas.