O Teatro Principal acolle este venres, día 24 de febreiro, un concerto homenaxe ao artista galego Pucho Boedo (1929 - 1986) protagonizado pola Burgas Big Band coa colaboración da Deputación de Ourense e cuxas entradas, gratuítas, xa están esgotadas.César Fernández resaltou a “calidade e o peso específico” da Burgas Big Band, “integrada na rede de auditorios da Deputación e que cubriu un oco baleiro nesta provincia, que non tiña unha big band destas características”.
Julio Somoza destacou o nivel dos músicos ourensáns integrantes da Burgas Big Band, “unha potente selección de intérpretes, que melloran co seu talento os arreglos realizados para as composicións de Pucho Boedo”. Pola súa banda, José Antonio Alvar remarcou que para “min é un orgullo estar nunha banda así, con 14 integrantes en escea e coa que cubrimos un espazo no panorama musical ourensán e galego á vez que rendimos unha homenaxe a Pucho Boedo e Los Tamara”.
O concerto arrancará este vernes, 24 de febreiro, ás 20,30 horas no Teatro Principal.
Figura chave na música galega
Pucho Boedo (1929-1986) é unha das figuras fundamentais na música galega do século XX. A súa traxectoria profesional arrancou con Los Trovadores e Los Satélites, antes de incorporarse en 1961 a Los Tamara, cos que chegaría a actuar no Olympia de París.
Los Tamara gravaron en 1964 a que está considerada a primeira canción pop en galego -“Galicia, terra nosa”-, simbolizando a voz de Pucho Boedo o rexurdimento da música galega na segunda metade do XX. Boedo realizou unha importante labor na posta en valor do galego dentro da música popular, chegando a poñer música a poemas de Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro nos discos “Na fermosa Galicia” (1970) e “Miña Galicia verde” (1974).