O Teatro Principal de Ourense estrea a montaxe teatral A lúa vai encuberta, da obra homónima de Manuel María, “un autor que esperta conciencia de país”, salientou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación, celebrado esta mañá no espazo teatral ourensán. A institución provincial patrocina as tres funcións que se desenvolverán en Ourense, que terán lugar os días 10, 11 e 12 de setembro, unha obra que “amosa o compromiso de Manuel María coa nosa terra: Galicia, nación cultural”, remarcou Baltar, quen lembrou que hoxe precisamente se cumpren 17 anos do falecemento do autor lucense, “unha xornada na que tamén se conmemora o Día Internacional da Alfabetización, algo que entronca coa intelectualidade de Manuel María”.
Tamén recordou o presidente Baltar a relación que Manuel María tivo con Ourense e coa súa intelectualidade a través da súa ligazón coa Agrupación Cultural Auriense, e da obra A lúa vai encuberta dixo que relata un período de Galicia, desde a Guerra Civil ata 1992, “no que o poeta achega o seu punto de vista sobre historia, arte, amor e relixión, entre outros ámbitos”. Manuel Baltar felicitou a Tito Asorey, aos actores e as compañías “polo que será unha magnífica estrea” e afirmou que Manuel María “segue a estar máis vivo ca nunca porque fomentamos os valores que puxo negro sobre branco para espertar conciencias”.
O acto de presentación contou tamén coa participación do director do espectáculo, Tito Asorey; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e o secretario da Fundación "Manuel María", Alberte Ansede. A presentación correu a cargo da actriz Melania Cruz. A obra A lúa vai encuberta foi a gañadora do II Certame “Manuel María” de Proxectos Teatrais, unha montaxe que inicia en Ourense a súa xira por 25 concellos de toda Galicia. É unha proposta teatral multidisciplinar a partir da que a equipa dialoga desde a nosa actualidade máis recente coa historia contemporánea de Galicia. Mesturando as formas de teatro popular como a farsa e o musical con formas contemporáneas como o audiovisual e o teatro documento, propón unha posta en escena dinámica e emocionante, que ten como motor a recuperación e a reactivación da memoria para tomar conciencia crítica da realidade. Partindo da mirada coa que Manuel María selecciona e ordena pasaxes da nosa historia para levar a nosa atención tanto sobre as forzas activas como as que foron ocultadas, a intención do proxecto é a de cuestionar o relato adquirido para, desde a experiencia vital, revisar os prexuízos, os tabús e os silencios que aínda prevalecen.
Esta é a primeira vez que este texto de Manuel María lévase a escena de xeito profesional. Tito Asorey dirixe esta co-produción que conta coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e con música orixinal de Davide González, integrantes tamén do elenco xunto coa actriz Melania Cruz. Completan a equipa artística nomes destacados da escena galega como son a iluminadora Laura Iturralde e o escenógrafo Carlos Alonso. O espectáculo é unha co-produción das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, a Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. O proxecto visitará 25 concellos galegos durante os próximos meses, tendo máis de 30 funcións xa concertadas.