Medio Ambiente

Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións

É o segundo parque tecnolóxico de España en adherirse ao Pacto Mundial da ONU e en poñer en marcha este tipo de iniciativas para reducir a súa pegada de carbono.

Óscar Gómez

Ourense |

Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións
Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións | onda cero

A mellora da sostibilidade é un dos principais obxectivos do Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- para os vindeiros anos, tal como se destaca no seu Plan Estratéxico. Baixo a marca “Tecnópole en Verde”, está a desenvolver unha serie de accións pioneiras no conxunto dos parques científicos e tecnolóxicos de España destinadas a reducir a súa pegada de carbono -https://tecnopole.gal/tecnopole-en-verde/-.

Como primeiro paso, o Parque Tecnolóxico de Galicia calculou a pegada de carbono xerada en 2022 polo mantemento de todos os servizos e infraestruturas que ten a disposición das súas empresas. Este cálculo recolle as emisións referidas principalmente á iluminación, climatización e mantemento de todas as instalacións que xestiona. Así, analizáronse as emisións directas de gases de efecto invernadoiro, como as procedentes da combustión en caldeiras, fornos e vehículos que son propiedade ou están baixo o control da entidade; e as emisións indirectas, asociadas á xeración de electricidade adquirida e consumida pola entidade.

Segundo os resultados deste estudo, a pegada ascende ás 263 toneladas de CO2 ao ano, cifra referida aos 11.918 m2 dos seus tres edificios principais, o que indica que se xeran 22 kg de CO2 por m2. Da cantidade total, 114 toneladas corresponden a empresas instaladas nestes edificios. Estas cifras son similares ás pegadas medias de entidades similares no noso país.

Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións
Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións | onda cero

O 95% das emisións proceden do consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación dos edificios

“O estudo amosa que a principal fonte de emisión é o consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación dos edificios (95%), polo que noso obxectivo para os vindeiros tres anos é reducir nun 7,5% o consumo de electricidade, co que se lograrían reducir as emisións nun 25%, xunto ao gasto enerxético. Para conseguilo, estamos a traballar en iniciativas como a mellora do illamento dos edificios, a mellora da ventilación, a optimización da iluminación, ampliaremos a instalación de paneis solares fotovoltaicos, fomentaremos o uso de modos de transporte máis eficientes… Así mesmo, imos elaborar unha guía de boas prácticas para as empresas residentes, co fin de que tamén minimicen o seu impacto sobre o medio” -explica o director xerente do Parque, Javier Taibo-.

Un dos principais propósitos de Tecnópole é que toda a súa enerxía proceda de fontes renovables. Ademais, xa foi introducindo melloras para reducir o seu consumo enerxético como a instalación de portas con cortinas calefactoras nos corredores, a colocación de leds en todos os seus edificios e no alumeado exterior, a instalación dun sistema de calefacción máis eficiente mediante pellets… Vaise calcular a pegada de carbono correspondente a 2023 co fin de comprobar se se está a reducir.

Creación do “Bosque Tecnópole”

Entre as accións para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro, levouse a cabo a plantación de 1.800 árbores, que ocupan unha superficie de 2,2 hectáreas. A creación deste bosque foi posible grazas á repoboación de terreos do Parque que estaban en desuso, logrando mellorar a paisaxe e evitando así mesmo a propagación de especies invasoras. A repoboación fíxose con especies autóctonas -70% bidueiros e 30% unha mestura de piñeiros, castiñeiros, serbais, carballos e acivros-, que absorberán máis de 270 toneladas de dióxido de carbono nos vindeiros 30 anos, en función do crecemento de cada unha destas especies.

O `Bosque Tecnópole´ vai permitir compensar as emisións do primeiro ano e parte das emisións dos vindeiros. A plantación xerará cada ano a cantidade de osíxeno equivalente ao que necesitan 88 persoas -tendo en conta que unha persoa precisa o osíxeno xerado por 22 árbores-.

Por outro lado, plantáronse arbustos autóctonos na zona axardinada, un total de 200 plantas, en particular acivro, loureiro e érbedo; xunto a outras árbores como castiñeiros, carballos e bidueiros. Trátase de especies que non esixen de rego para a súa subsistencia.

No futuro preténdese irlle dando un uso social a este bosque. Tal como manifesta Javier Taibo, “o `Bosque Tecnópole´, ademais de contribuír a reducir a pegada de carbono, ofrece a creación dunha contorna natural e sostible como posible escenario para organizar xornadas, implicar ás persoas do Parque cunha imaxe responsable e comprometida. Un bosque propio é unha excelente maneira de concienciar aos traballadores e empresas sobre a importancia de coidar o medio e fomentar o seu compromiso coa sostibilidade”.

Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións
Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións | onda cero

Pacto Mundial da ONU

Tecnópole presentou os resultados do cálculo da pegada de carbono no “Registro de huella de carbono, compensación y proyectos de absorción de dióxido de carbono” do Ministerio para la Transición Ecológica; que recolle os esforzos das empresas, administracións e outras organizacións españolas no cálculo, redución e compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro que xera a súa actividade. Por outro lado, Tecnópole vén de unirse ao Pacto Mundial da ONU, adquirindo deste xeito o compromiso de facer seus os Dez Principios de sostibilidade empresarial e converténdose así no segundo parque tecnolóxico de España en adherirse ao mesmo.