A nova tempada de pesca en augas continentais comezou oficialmente na maior parte dos ríos da Comunidade para os máis de 38.000 afeccionados galegos que contan este ano con licenza en vigor. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o río Mandeo en Aranga, onde se referiu aos aspectos máis destacados da campaña de 2024.
A responsable autonómica cifrou en máis de 13.000 as licenzas vixentes para esta tempada en Galicia exentas de pago por tratarse os seus titulares de menores de idade ou persoas de máis de 65 anos. Esta exención, lembrou, foi unha das novidades recollidas na Lei de pesca continental autonómica aprobada en 2021 e ten como fin impulsar a remuda xeracional dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos e que conta cunha gran tradición na comunidade.
A maiores, coa finalidade de simplificar as xestións administrativas, a Xunta tamén comezou este ano a enviar de xeito automático as licenzas ás persoas que teñen máis de 65 anos ou están a piques de cumprilos e que teñan a licenza xa caducada ou que caduque no prazo dun mes. Entre os meses de febreiro e marzo xa se remitiron máis de 6.700 licenzas, uns envíos que continuarán nos vindeiros meses.
A vicepresidenta segunda en funcións tamén detallou que, ao igual que na tempada pasada, en 2024 os luns consideraranse días inhábiles nos máis de 14.000 quilómetros de ríos galegos habilitados para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada zona.
Precisamente, no tramo fluvial que visitou Ángeles Vázquez no río Mandeo practícase principalmente a pesca de troita, da que comeza hoxe o período hábil para a súa extracción en toda Galicia e que, con carácter xeral, se estenderá ata o 31 de xullo. No caso do couto de pesca de Aranga -con 8,8 quilómetros pescables- expide permisos de pesca sen morte os xoves e prolonga a tempada a partir do 1 de agosto e ata o 30 de setembro na categoría sen morte.
A responsable autonómica saudou a algúns dos afeccionados presentes na zona e apelou á responsabilidade de todos os pescadores no desenvolvemento da actividade co obxectivo de preservar o estado dos distintos recursos e garantir a sostibilidade desta práctica de cara ao futuro.
Períodos e tamaños por especies
Segundo figura na orde reguladora das normas que rexerán este ano para as distintas especies ictícolas das augas continentais galegas, a tempada de pesca fluvial rematará con carácter xeral o 31 de xullo. En calquera caso, para a troita e nos coutos con convenio de colaboración prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte. Mentres, nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña o inicio retrasarase ata o 1 de maio.
Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa, cun talle mínimo de 19 centímetros. En canto aos engados, son os mesmos que os da tempada pasada. No caso do salmón, o período hábil de pesca abranguerá desde o 1 de maio ata o 30 de xuño, salvo no caso do couto da Frieira onde rematará o 31 de xullo. En todo caso, poderá adiantarse o remate da tempada en función das capturas.
A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. As capturas anuais no río Ulla quedan fixadas en 15 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 5; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no río Miño fíxase en 8; e no couto de Salmeán, en 10. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
Por último, a tempada hábil para a pesca do reo en xeral comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, prorrogarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde ata o 31 de agosto. A cota de captura é de dous exemplares por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 35 centímetros, pero no caso do río Eo compartido será de 25 centímetros.