A Deputación de Ourense a través do Inorde organiza, co apoio de Turismo de Galicia, a terceira edición da “Xurés Bike Tour” para que novamente todos os afeccionados ao ciclismo de montaña poidan volver a gozar das paraxes naturais que ofrece esta zona do Xurés. O evento, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño, reunirá a máis de 200 deportistas nunha proba competitiva en bicicleta de montaña en formato volta de dous días e dividida en tres etapas (dous tipo maratón e unha cronoescalada). A competición será de forma individual ou por parellas.
A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense en funcións, Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; os alcaldes e alcaldesas en funcións de Muíños, Bande, Lobios, Plácido Álvarez, Sandra Quintas e Mª Carmen Yáñez, respectivamente; o concelleiro de Deportes e o técnico de Deportes da Cámara Municipal de Montalegre; Jorge Fidalgo e Nuno Rodrigues, respectivamente; en representación de Rodosa, Rafael Estévez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.
O percorrido da proba transcorrerá por diferentes municipios do sur de Ourense como Muíños, Bande e Lobios e cruzará a fronteira ata o norte de Portugal, “dotándoa dun carácter internacional que a fai máis atractiva para os afeccionados á práctica da mountain bike”, sinala o presidente da Deputación de Ourense.
“Este tipo de probas permítenos potenciar os recursos naturais e patrimoniais do noso territorio a través do turismo deportivo e, neste caso, ao tratarse dunha proba que dura dous días, atraemos a visitantes que terán que pernoctar na nosa provincia co correspondente impacto económico que isto supón para o territorio”, destaca Manuel Baltar.
Percorrido das tres etapas
A primeira etapa ten unha distancia de 38 quilómetros que dará o comeza a esta nova edición desde a praza do Concello de Bande, con 900 metros de desnivel positivo. A segunda etapa contará cun tramo de 9 quilómetros, unha cronoescalada con saídas cada minuto. A saída será desde Lobios e a chegada á parroquia de Saa. Por último, a terceira etapa, terá a súa saída e chegada no Complexo do Corgo, e constará dun percorrido de 62 quilómetros cun desnivel positivo de 1.500 metros que levará aos deportistas por zonas de gran valor natural e patrimonial como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem. A saída será en conxunto e os primeiros 4 quilómetros serán neutralizados.
Os deportistas poderán participar nalgunha das diferentes modalidades propostas: en modalidade “Volta Completa” para os participantes individuais que realicen as tres etapas; a modalidade para os que realicen as tres etapas en bicicleta eléctrica sendo esta non competitiva; e en modalidade por parellas para os equipos de dous integrantes que realicen as tres etapas, sendo posible que os equipos sexan masculinos, femininos ou mixtos. Ademais, poderase realizar calquera das etapas de forma individual -agás o prólogo-, pero non entrarán nos premios da etapa.