O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu no Parlamento de Galicia á toma de posesión do novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do que destacou “o coñecemento das nosas necesidades e proxectos estratéxicos como provincia, plans que temos ao alcance da man porque desde Ourense seguiremos demostrando a capacidade de cooperación co Goberno galego”.
O presidente provincial cualificou o acto desta mañá como “unha gran xornada que vai dar paso a un goberno de unidade, continuidade e moderación”, subliñando o expreso compromiso de Alfonso Rueda “con Galicia e o galeguismo, e por suposto tamén con Ourense”.
Nesta liña valorou satisfactoriamente o anuncio realizado esta semana por Alfonso Rueda no Parlamento como candidato á presidencia da Xunta, onde avanzou a creación dunha área específica de Termalismo no seu goberno e con sede en Ourense. Para Manuel Baltar esta é a consecuencia de apostar polo territorio co maior potencial termal de Europa e pola súa reelección como presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA).
Un mandato que se estenderá ata 2026, “ano no que abriremos no Pazo Provincial un balneario de referencia, proxecto no que tamén vai colaborar a Xunta de Galicia e que será o emblema de Europa en Ourense, como a cidade mellor conectada de Galicia grazas ao AVE e co maior número de quilómetros de fronteira con Portugal, condición transfronteiriza que debemos aproveitar”.
Manuel Baltar expresou o seu orgullo polo protagonismo ourensán no solemne acto de hoxe, ao que lle puxo música a Real Banda de Gaitas da Deputación, “pero tamén polo importante papel que sempre xogamos nas institucións galegas, con representación da nosa terra na presidencia do Parlamento, ou no propio Goberno de Galicia”.