O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia os traballos de modernización do parque infantil da Alameda do Concello, que cun investimento de 48.386,40 euros transformará o conxunto dos xogos do parque. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, lembra que “este investimento forma parte do plan de mellora e dinamización dos parques infantís da cidade co obxectivo de que sexan completamente transformados e renovados para a mellora da calidade de vida dos ourensáns e en especial dos más cativos”. Ademais, polo seu emprazamento, “podemos consideralo un proxecto para o desfrute das familias que nos visitan ao longo do ano”, engade Pumar.
O proxecto incorpora novos xogos, destacando un novo columpio, novos balancíns, e un novo conxunto multixogos que, unido ao cambio do chan, desenvolven un proxecto completo e de máxima calidade para a rapazada.
O plan de parques infantís de Ourense, no seu conxunto, conta con actuacións integrais en todos os barrios da cidade. As intervencións abarcan desde pequenos parques ata a transformación completa das grandes zonas de xogos dos parques singulares de Ourense, como é o caso do parque Barbaña, parque San Lázaro, ou o emblemático parque do Xardín do Posío.
No seu conxunto, o proxecto mobiliza un investimento de máis de 8 millóns de euros, coa previsión de actuación en máis de 70 parques da cidade, o que permitirá a instalación de máis de 500 novos xogos infantís en toda a cidade.