Empresas

Trinta pemes van poder internacionalizar os seos productos a través do programa Galiza Avanza

Galicia Avanza contribúe a reforzar a competitividade das pemes galegas nos mercados exteriores así como a impulsar a Marca Galicia a nivel internacional no eido da innovación.

Óscar Gómez

Ourense | 27.04.2023 08:03

Trinta pemes van poder internacionalizar os seos productos a través do programa Galiza Avanza
Trinta pemes van poder internacionalizar os seos productos a través do programa Galiza Avanza | onda cero

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no acto no que se deron a coñecer as empresas beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza. Unha iniciativa posta en marcha en 2022 froito da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

Argerey destacou a alta participación nesta edición, que aumentou un 43% respecto da primeira celebrada no ano 2022, un dato que constata o interese polo programa e a maior competencia entre as candidatas. Así mesmo, apuntou que as trinta pemes seleccionadas proceden das catro provincias galegas e de sectores moi diversos como a alimentación, a saúde, a enerxía, o téxtil ou as novas tecnoloxías, entre outros.

A directora de Gain explicou que estes datos son especialmente satisfactorios para o seu departamento na medida en que cumpren cun dos obxectivos do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que é aumentar a base de empresas innovadoras galegas, especialmente entre as pemes e microempresas, xa que “a innovación está ao alcance de todos, non é unha cuestión de tamaño, localización ou sector”.

Ademais, Argerey subliñou que apoiando a chegada ao mercado exterior de solucións innovadoras galegas contribúese ademais a impulsar a apertura e visibilidade internacional do ecosistema galego de innovación reforzando así o atractivo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027.

Ademais das empresas beneficiarias, acudiron ao evento as consultoras que as guiarán e asesorarán neste proceso ao longo dos vindeiros meses. Nesta edición, o periodo de implementación do programa prolóngase a 10 meses, o que permitirá afondar máis nas necesidades das empresas e intensificar a aceleración.

As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización entre abril deste ano e febreiro de 2024, con itinerarios personalizados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, na innovación e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Empresas de novas tecnoloxías, alimentación, saúde, enerxía ou téxtil

As pemes beneficiarias pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares. No eido das novas tecnoloxías seleccionouse una empresa que emprega a identificación por radiofrecuencia e visión artificial para a xestión de inventarios e a trazabilidade das cadeas de subministración; outra que persegue internacionalizar a súa plataforma destinada a optimizar a relación entre as entidades sanitarias e as aseguradoras do campo da saúde; unha plataforma baseada na tecnoloxía blockchain que permite ás organizacións sen ánimo de lucro xestionar as doazóns de maneira dixital; unha firma que desenvolve robots limpacristais, fregasolos e robots que limpan paneis fotovoltaicos; un sistema baseado na tecnoloxía IoT (Internet das Cousas) que permite a monitorización das cafeteiras e dos muíños de café da canle food service; un sistema robótico para a recollida e apilado de pezas a granel; xunto a unha plataforma web para apoiar o estudo e realización de instalacións medioambientais cun aforro de tempo e recursos.

No campo alimentario vaise impulsar a internacionalización dunha firma que fabrica estoxos para conxelados e embalaxe para conserva de peixe; outra que quere comercializar entre o sector industrial alimentario internacional o seu coñecemento na produción de ovos e produtos derivados do ovo; unha consultoría centrada no sector pesqueiro e agroalimentario; unha empresa que comercializa cocktails; unha firma familiar que vende polbo ultraconxelado; outra que elabora complementos alimenticios en formato gominola, sen azucre nin alérxenos, e gominolas sen azucre; ademais dunha fábrica de chocolate artesá.

No ámbito da saúde hai unha peme que desenvolve técnicas baseadas na fluorescencia para o descubrimento de novos fármacos; a primeira plataformAPP especializada de formación e teleformación para o sector sociosanitario; así como un acumulador de auga quente sanitaria.

Varias das propostas céntranse no eido enerxético, como unha firma referente a nivel mundial na formación eólica que busca a exportación directa dos seus cursos; outra que ofrece produtos e servizos relacionados co hidróxeno verde e a súa implantación en procesos industriais actuais ou para novas aplicacións como dispensadores de hidróxeno para vehículos industriais; e outra que quere reforzar a exportación dos seus produtos de caldereiría e frío industrial.

No campo da sostibilidade, seleccionouse unha firma especializada no deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sostibles; unha empresa dedicada á fabricación artesanal de calzado infantil, con materiais reciclados, ecolóxicos e naturais; outra que desenvolve fertilizantes minerais innovadores e sostibles; e unha peme que busca internacionalizar a súa braga menstrual de baixo impacto ambiental.

Entre as beneficiarias, hai tamén unha empresa dedicada á xestión de riscos biolóxicos e á fabricación de embalaxes para o transporte de materias biolóxicas; unha tecnolóxica que busca expandir e implementar o seu sistema para a xestión da auga en Angola e Tanzania; unha empresa que deseña e elabora produtos para profesionais do viño e a restauración; unha peme que fabrica pixamas e roupa de casa; e unha consultoría que axuda ás empresas a resolver problemas ligados á perda de competitividade debida á mala saúde ou desmotivación dos seus traballadores.

Máis información: https://tecnopole.es/galiciaavanza