Ourense Cidade

O TSXG anula a licencia do aparcamento e baixos da praza San Antonio

O alcalde asegura que “estamos ante un auténtico estropicio da xestión do PSOE no Concello, que foron cómplices dun roubo á cidade”.

Óscar Gómez

Ourense | 09.03.2023 07:53

O TSXG anula a licencia do aparcamento e baixos da praza San Antonio
O TSXG anula a licencia do aparcamento e baixos da praza San Antonio | La Región

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha sentenza que confirma a nulidade das licenzas concedidas polo Concello de Ourense no ano 2007, en vía de legalización, no subsolo da Praza de San Antonio. Nunha resolución que coñeceu no día de onte o Concello, o TSXG confirma a resolución anterior do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, do día 30 de decembro de 2021, que declaraba a nulidade de pleno dereito dos acordos da Xunta de Goberno Local adoptados na sesión do 5 de decembro de 2007, relativos á concesión, en vía de legalización, de licenzas urbanísticas de obra, ocupación, usos, actividade e apertura, referidas ao subsolo do espazo libre sito entre as rúas Ramón Cabanillas, Teluro e Avenida de Bos Aires (Praza de San Antonio), con todas as consecuencias inherentes a tal declaración. Esta anulación afecta directamente ao aparcamento de explotación comercial, con prazas de garaxe para residentes, e aos baixos que adquiriu para uso administrativo a Tesouraría da Seguridade Social.

Tras coñecer a sentenza, o alcalde manifestou que “hoxe somos coñecedores dunha sentenza que nos dá a razón sobre algo que vimos denunciando desde hai unha década: que a praza é de dominio público, de todos os ourensáns”. Entende o rexedor que “estamos ante un auténtico estropicio da xestión do PSOE no Concello de Ourense, que foron cómplices dun roubo á cidade. Agora a xustiza dános a razón recuperando un terreo público para todos os ourensáns. Fíxose xustiza e o parking de San Antonio é de todos os ourensáns”, concluíu Pérez Jácome.