O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nula a resolución administrativa que concede o pase á reserva de explotación de recursos Sección C) da Mina de Penouta, situada no termo municipal de Viana do Bolo (Ourense). A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo acollleu o recurso interposto por Ecoloxistas en Acción Galiza, pois considera insuficiente o estudo de afectación ambiental, ao omitir o seu impacto na Rede Natura 2000 -unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade-, a cal consta de Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Os maxistrados explican na sentenza que a promotora non realizou -nin a administración o esixiu- “unha oportuna e adecuada avaliación sobre o espazo Pena Trevinca, limitándose a indicar que o proxecto non afecta a ningún espazo protexido, cando a ZEC e a ZEPA Pena Trevinca se atopan a cero metros do enclave mineiro, constatándose que as masas de augas superficiais superan a normativa permitida para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo”. O TSXG salienta que se acreditou “o impacto do po resultante de voaduras e movementos, así como gretas en vivendas e a afectación ás augas destinadas a consumo humano, o que motivou denuncias da empresa municipal de Augas de Viana do Bolo, con actuacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), a Garda Civil e a Comisaría de Augas”.
A realidade ambiental existente, segundo explica na resolución, é que “as emisións e verteduras están a chegar á Rede Natura 2000, tanto por vertedura a leitos fluviais como por emisións atmosféricas”. As fotografías achegadas acreditan, segundo os xuíces, “a realidade do po que chega á vexetación e poboación lindeira da mina e, aínda que digan os demandados que realizaron medicións que emiten un valor por baixo do límite establecido, estas non foron sistemáticas, ocultando máis do que revelan”. Así, manifestan que “a realidade mostra o efecto na poboación situada a 1,5 quilómetros da explotación”.
Desta forma, destacan a existencia “de gretas nas vivendas por efecto das voaduras -chegan a utilizar ata 8000 quilos de explosivos-” e a presenza “de metais pesados en doses perigosas”, tal e como consta “nas analíticas presentadas no seu día pola mineira, emisións que chegan á Rede Natura 2000 polos leitos fluviais contiguos á explotación”. O TSXG advirte de que, “curiosamente”, nin a empresa nin a CHMS “realizaron novas analíticas nas que se verifiquen os parámetros de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio, substancias perigosas ou perigosas prioritarias, dificultando a súa estimación nas masas de auga superficiais no último ano e medio, máis aló das evidencias visuais no arroio de Treita das Cortiñas achegadas no seu día, debendo rexeitarse que esta contaminación veña dada pola propia natureza das augas, ricas en ferro e manganeso, cuxa combinación xera ese aspecto, senón que son consecuencia da actividade mineira, tratándose, en realidade, de filtracións dos depósitos e balsas de residuos existentes, producidos por falta de medidas de protección”.
En todo caso, o TSXG recalca que “non existen controis periódicos que midan os niveis de tales metais pesados, tendo en conta que nin a mineira nin a CHMS procederon á monitorización das augas para estas substancias, e nin a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) nin a autorización de vertedura estableceron tal obriga de monitorizalos, a pesar de que os regachos afectan a leitos dos que se obtén auga para o consumo humano, o que xa motivou denuncias do servizo municipal de augas do Concello de Viana do Bolo, con diversos expedientes sancionadores”.
A empresa Strategic Minerals respostou á sentencia do TSXG que anula o permiso de explotación da mina de coltan de Penouta que respeta a mesma, pero non a comparte, polo que adepotará as medidas legais axeitadas.
Explican nunha nota de prensa que reiteran a sua decidida aposta polo proxecto de Penouta, que consideran social e sostible económica e ambientalmente e que pensan retomalo tan pronto se den as condición axeitadas e en coordinación coa Xunta de Galicia e respetando a lexislación.
Agradecen asemade os apoios recibidos nos 8 últimos meses polas 129 familias e empresas subcontratadas, ademáis de Alcaldes da bisbarra, así como organización políticas e sindicais.
A Sala advirte de que as verteduras procedentes da mina, “intensificadas tras a autorización de explotación de recursos sección C)” -declarada nula na sentenza-, poden estar a causar “unha afección á saúde das poboacións que obteñen a súa subministración de auga potable de tributarios do arroio de Treita das Cortiñas, así como dos pozos ou mananciais que a subministran á poboación de Penouta, contigua á explotación mineira, tratándose o mercurio, arsénico, chumbo e cadmio de elementos extremadamente tóxicos que causan efectos crónicos pola súa bioacumulación no organismo”.
Por todo iso, en base ao principio de precaución, o alto tribunal galego entende que “non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de tales metais presentes nos regachos afectados pola explotación mineira, sendo tal principio de precaución un dos fundamentos da política ambiental europea, consagrada no artigo 191 do seu Tratado de Funcionamento, desenvolvido, respecto aos espazos incluídos na Rede Natura 2000, no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE sobre Hábitats, que impide que poida autorizarse un proxecto sen que se demostre a ausencia de repercusións sobre as augas e a biodiversidade, así como a saúde humana”.
O TSXG incide en que habendo tal incerteza “non pode autorizarse”, pois subliña que “os efectos da actividade mineira no medio ambiente son irreparables”, xa que “non se poden reconstruír ecosistemas”. Ademais, engade que o documento de Determinación dos Niveis de referencia das Augas Superficiais e Subterráneas na contorna da Mina de Penouta, elaborado pola Universidade da Coruña, “constata que os niveis desas substancias en varias masas de augas superficiais próximas á mina superan de forma alarmante os límites legais establecidos nas normas de calidade ambiental (NCA) do a Real Decreto 817/15 do 11 de setembro”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.