CONCELLO DE OURENSE

Unanimidade da oposición para bloquear a Jácome agás nas axudas e débedas sociais

Pp, Psoe e BNG anunciaron que no pleno do vindeiro luns 30 convocado polo alcalde só votarán a favor das modificacións necesarias e urxentes

Jesús Álvarez

Ourense | 25.09.2024 12:27

A oposición municipal do Concello de Ourense rexeitou apoiar a totalidade da modificación orzamentaria de 22 millóns de euros que o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome levará a un pleno extraordinario convocado para o luns 30 de setembro ás nove e media da mañá. Na comisión de pleno celebrada este mércores PP, Psoe e BNG decidiron que só votarán a favor unha das dez modificacións relativa aos Servizos Sociais na que se inclúen pagos pendentes de axudas de emerxencia social a 300 persoas, 101 axudas de comedores escolares e subvencións e convenios co terceiro sector.

Dende o Partido Popular a edil Sonia Ogando acusaba a Jácome de despilfarro económico e de ter gastado catro veces máis dos cartos do orzamento deste ano. Tamén calificaba coma inconcebible que ante esta "grave situación" o rexedor solicitase un millón de euros máis para festas. Os populares tamén sinalaron que non estudarán máis modificacións mentres non se desbloquuen os problemas de persoal coma o plan de estabilización xa aprobado

Dende o Psoe a voceira Natalia González sinalaba que "se trata de por fin ao modus operandi do alcalde" de pedir contínuamente apoio para facer modificacións e sinalaba que "é imprescindible un orzamento". A socialista denunciaba tamén as "presuntas irregularidades nas contratacións e as preferencias de Jácome polos contratos menores" e a sua "falta de diálogo e consenso". Neste contexto indicou que por parte do Psoe o apoio será para "o necesario e urxente" coma o gasto social.

Mentres dende o BNG, Luís Seara tamén aclaraba que agás a excepción do apoio ao gasto social no que se incluen 300000 euros de axudas de emerxencia social, os nacionalistas mantélense no anunciado de "non volver negociar nada con Jácome que non sexan uns orzamentos".

Nun comunicado posterior á comisión de pleno o rexedor acusaba á oposicion de "tentar paralizar o Concello cunha estratexia de bloqueo sistemático nunca visto" ademáis de non comprender que tamén se introducise coma "condición sine qua non negociar o plan de estabilización do persoal".

Jácome anunciou que igualmente levará ao pleno a proposta de dez modificacións de crédito.