O proxecto gañador céntrase precisamente en promover a autonomía das persoas con discapacidade intelectual a través do coidado da pel. “Coidando a miña pel: prevención e atención ás necesidades de coidado da pel en persoas con discapacidade intelectual, promovendo a súa autonomía e coidado persoal” é o título do traballo co que Marta Méndez conseguiu os 6.000 euros desta bolsa para levala á práctica .
Segundo explica esta enfermeira, “as persoas con discapacidade presentan unha serie de trastornos dermatolóxicos que afectan de forma crónica á súa pel e mucosas. Estas condicións poden reducir considerablemente a súa calidade de vida, pero non sempre se lles presta a atención que merecen porque se consideran menos graves que outras comorbilidades".
O programa proposto por Marta Méndez promove a autonomía destas persoas desenvolvendo competencias en promoción da saúde, autoimaxe, autocoidado e prevención do envellecemento prematuro.