Cultura

Unha mostra fotográfica redescubre a beleza da Vía da Prata

A mostra, que poderá visitarse ata o 1 de setembro, reúne un cento de imaxes capturadas por referentes da fotografía do último século e medio, desde Nicolás Muller, Otto Wunderlich ou Jean Laurent a Ana Turbau, Carmenchu Alemán ou Cristina García Rodero.

Óscar Gómez

Ourense |

Unha mostra fotográfica redescubre a beleza da Vía da Prata
Unha mostra fotográfica redescubre a beleza da Vía da Prata | onda cero

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia traen a Ourense a mostra A Vía da Prata. Aires do Sur, que reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño desde Sevilla a Santiago de Compostela, cunha presenza moi relevante das terras da provincia de Ourense, retratadas da man de ata 30 fotógrafas e fotógrafos clásicos e contemporáneos.

Cabe destacar que das 92 imaxes que compoñen esta mostra, un total de 27 representan lugares, monumentos, tradicións ou paisaxes da provincia de Ourense. Neste sentido, Luis Menor dixo que realizar o Camiño a través deste itinerario xacobeo é “unha das mellores maneiras para mergullarse na riqueza patrimonial, gastronómica, enoturística, cultural e histórica da nosa provincia”.

Menor destacou o traballo realizado pola institución provincial a prol da promoción e difusión deste itinerario xacobeo entendéndoa como “unha aposta polo territorio por ser unha oferta turística vertebradora e de gran importancia histórica, que ademais serve como canle de difusión da nosa tradición e cultura”. Ademais, ofrece unha singularidade con respecto a outras rutas xacobeas: a conexión directa en AVE co resto da Península.

Fotógrafos ourensáns

López Campos destacou A Vía da Prata. Aires do Sur como unha forma de coñecer “a riqueza paisaxística e monumental da ruta xacobea que une Sevilla con Santiago de Compostela”, así como a vida cotiá de localidades de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Tamén puxo en valor a “importante presenza de fotógrafos e fotógrafas ourensáns”, desde a eminente figura de José Suárez ata coñecidos artistas contemporáneos como Tere Fernández, Antón Buciños e os fotoxornalistas Brais Lorenzo e Miguel Muñiz.