A cidade de Ourense podería albergar un fito mundial o próximo 14 de novembro, na 44º edición da súa lendaria carreira pedestre, xa que por primeira vez nunha carreira con profesionais masculinos e femininos, unha muller, Kalkidan Gezahegne (Etiopía, 1991, corre baixo bandeira de Baréin), está no elenco de favoritos ao podio da clasificación xeral. Nunca antes, un atleta que ostenta un récord mundial ou unha medalla olímpica, disputara unha carreira popular galega.
Gezahegne ostenta o récord Mundial de 10.000 metros en ruta, e ademais foi subcampioa olímpica en Tokyo 2021 onde gañou a medalla de prata. A corredora africana estableceu unha plusmarca mundial hai só un mes, o pasado 2-10-21 en Xenebra (Suíza).
Logo de parar o reloxo en 29:38, a corredora africana, de 30 anos, está a afinar a súa preparación en Kenya estes días para tentar bater o seu propio récord nas rúas de Ourense.
A proba galega está no calendario internacional este ano, con percorrido de 10 quilómetros homologado, e a súa participación estará limitada a 2.000 participantes debido aos protocolos Covid: os participantes sairán en quendas de 200, sendo a última quenda a da elite masculina e feminina.
“A San Martiño ourensá é a máis antiga -en 2021 celebra a súa 44 edición- e popular en todos os sentidos de Galicia”, afirma o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, chegando aos case 10.000 participantes na época pre-pandemia.