Infraestructuras

Os veciños de Arnoia desfrutarán dunha estrada mellorada a principios de primavera

Ampliarase a estrada ata os 7 metros de ancho e rectificaranse as curvas con radio reducido para mellorar a seguridade viaria e a visibilidade.

Óscar Gómez

Ourense | 15.09.2022 07:56

Os veciños de Arnoia desfrutarán dunha estrada mellorada a principios de primavera
Os veciños de Arnoia desfrutarán dunha estrada mellorada a principios de primavera | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vazquez, avanzou que a comezos da vindeira primavera os veciños da Arnoia desfrutarán dunha estrada OU-402 mellorada tras un investimento da Xunta de 810.000 euros. Esta intervención, que xa foi presentada aos veciños no mes de marzo, ten como obxectivo renovar e mellorar un treito de 1,6 km desta estrada OU-402, incrementando a súa funcionalidade.

Para isto, ampliarase a estrada ata os 7 metros de ancho e rectificaranse as curvas con radio reducido, mellorando a seguridade viaria e a visibilidade. Tamén se habilitará unha senda peonil ao longo de algo máis de 1 km, pola beira esquerda da estrada, de 2 metros de ancho, que se verá complementada coa execución dunha cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. O proxecto inclúe a actuación na senda actual entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e arredores, para renovala e mellorala, favorecendo a mobilidade a pé dos veciños.

 ten como obxectivo renovar e mellorar un treito de 1,6 km da vía
ten como obxectivo renovar e mellorar un treito de 1,6 km da vía | onda cero

Ademais intervirase na intersección coa estrada provincial, no quilómetro 30+700, para habilitar un carril central de espera e un cambio de sentido co fin de mellorar a visibilidade e garantir unha maior seguridade nos xiros. Considerando que os traballos abranguen a entrada ao núcleo urbano da Arnoia, a Xunta adecuará o trazado da vía á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación.

Os traballos completaranse con accións de reforzo do firme, de mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade. Por outra parte, restarán nesta intervención traballos no pontón, que se inclúen nun proxecto independente. O obxectivo desta decisión é non comprometer e demorar a execución desta 1ª fase de mellora, xa que para actuar no pontón cómpre a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A conselleira puxo en valor os investimentos nas infraestruturas viarias do rural e do interior de Galicia para garantir máis servizos e oportunidades aos veciños dos concellos máis pequenos, como neste caso da Arnoia.