Concello de Ourense

Os vehículos do servizo de Extinción de Incendios contan co mantemento axeitado para garantir o seu funcionamento

Un informe do xefe de servizo constata que a autoescaleira está tratada con “rigorosidade exemplar en mantemento e inspeccións”

Óscar Gómez

Ourense | 10.02.2022 12:04

Os vehículos do servizo de Extinción de Incendios contan co mantemento axeitado para garantir o seu funcionamento
Os vehículos do servizo de Extinción de Incendios contan co mantemento axeitado para garantir o seu funcionamento | onda cero

Os vehículos do servizo de Extinción de Incendios contan cun axeitado mantemento para garantir o seu bo funcionamento. Así o asegura o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, ao fío das declaracións realizadas a semana pasada por representantes da xunta de persoal en relación ao estado do vehículo autoescaleira.

O concelleiro solicitoulle un informe ao xefe do servizo municipal e este confirmoulle que o dito vehículo “está tratado no servizo con rigorosidade exemplar en canto ao seu mantemento e inspeccións períódicas habituais e incluso extraordinarias”. O xefe de Bombeiros explica que desde este servizo municipal “se buscou e atopou solucións practicamente inmediatas, tanto técnicas como operativas, para solucionar calquera inquedanza”. Explica, así, que tras detectarse o venres 28 de xaneiro un problema nesta unidade, o luns 31 o vehículo foi revisado polo técnico habitual de reparacións e se solicitou cita na casa de reparación oficial do vehículo para subsanar o fallo detectado, unha cita que finalmente se produciu o día 7 de febreiro.

En canto aos contratos de mantemento dos vehículos, asegura o xefe de Bombeiros que “o servizo está a cumprir con tódolos requisitos regulamentarios habituais en calquera ámbito que afecte tanto aos vehículos como ferramenta e maquinaria que posúe, por suposto, sempre tendo en conta a normativa vixente en cuestión de seguridade, tanto propia como sobre terceiros”.