O campo de Velle reunirá esta fin de semana o mellor do fútbol base galego coa décima edición do Memorial Manolo Carrera, nas categorías benxamín e alevín. Esta mañá tivo lugar a presentación do torneo, na que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o presidente do Club Deportivo Velle, Francisco Sotelo, o representante da Deputación Provincial, Bernardino González, o delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez e o delegado da Federación Galega de Fútbol, Raúl Rois.
O Memorial contará coa participación de equipos como o Club Deportivo Velle, Club Deportivo Lugo, Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña.
Pérez Jácome manifestou que “é un honor presentar este décimo memorial do torneo que leva o nome de Manolo Carrera, lembrando o “mítico” equipo de fútbol que levaba o seu nome nos anos 80, cando el xogaba ao fútbol. O torneo, avanzou, “será un evento importante” que contribúe ao “espírito de fomentar o deporte”.
Pola súa banda, o presidente do CD Velle, Francisco Sotelo declarou que “para nós é unha honra seguir mantendo o nome de Manolo Carrera nos termos futbolísticos porque foi unha persoa altruísta, que defendeu sobre todo os rapaces, a canteira, e este é a pequena homenaxe que lle podemos facer todos os anos”. O memorial, do que se disputou a semana pasada a fase previa, explicou, “é un torneo no que contamos con todo fútbol base da provincia, porque todos somos de Ourense e temos que estar xuntos”.
Os partidos sucederanse durante toda a fin de semana en Velle. Desde as 10:00 horas, o sábado, na categoría benxamín e o domingo na alevín. As finais, ás 19:30 horas, coa posterior entrega de premios.