A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar, acompañaron en Ourense a saída dos seis participantes de Instagrammers no Camiño, unha iniciativa coa que a Xunta quere volver a animar á mocidade a través das redes sociais a camiñar a Galicia neste Xacobeo.
Trátase da actriz Cristina Castaño, os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez, e os influencers Natalia Maquieira, Tamara García Romero e Xurxo Carreño, que repite experiencia, xa que participou na primeira edición desta iniciativa.
A ponte romana de Ourense foi o punto de inicio desta segunda edición da iniciativa, coa que ao longo das cinco próximas xornadas os seis recoñecidos persoeiros irán contando nas súas redes sociais aos seus máis de 3,6 millóns de seguidores a súa experiencia no Camiño cos cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia.
A directora de Turismo de Galicia puxo en valor a proposta, que “foi un éxito o ano pasado e completamente novidosa, ademais de contribuír notablemente a por Galicia de moda e transmitir as mensaxes que queriamos dar, que Galicia é un destino seguro e que o Camiño era unha opción ideal e segura para gozar dunha experiencia única no marco da celebración dun Xacobeo 21-22 excepcional”, ás portas da celebración da Semana Santa, que é un momento ideal para escoller o Camiño como proposta de destino.
Talento 100% local
Nava Castro destacou tamén a aposta da Xunta porque os participantes tanto da edición do ano pasado como desta foran todos galegos, “talento local, 100% galego, que queremos que sexan os nosos prescriptores de destino”. Na edición pasada, catro participantes percorreron o Camiño Portugués da Costa mentres que os desta edición farán os últimos 100 quilómetros do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, “un itinerario que queremos impulsar e dar a coñecer, ten moito que ofrecer e vai sorprenderlles tanto a eles como a todos os seguidores”.
Vía da Prata
O Camiño Mozárabe-Vía da Prata percorre as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, ata chegar a Santiago de Compostela, nun percorrido cheo de historia, patrimonio e natureza que os seis talentos locais comezarán a descubrir a partir de hoxe.
No que vai de ano lévanse entregado máis de 10.200 Compostelas, das que máis de 6.000 corresponden só ao mes de marzo, o que da unha idea do bo ritmo do Camiño neste segundo Ano Santo. Deles, preto dun 3% escolleron a Vía da Prata, un itinerario que ocupa o 6º posto no ranking dos itinerarios máis empregados, unha situación que desde o Goberno galego quérese reverter impulsando este trazado a través da mellora da súa infraestrutura e da súa promoción, con iniciativas coma esta.
A continuidade de Instagrammers no Camiño únese á campaña Camiña a Galicia con banda sonora de Xoel López, que tamén foi todo un éxito, e ás campañas de promoción previstas a nivel internacional para atraer a turistas e peregrinos de todo o mundo.