As viaxes en autobús no Concello de Barbadás e a conexión coa cidade tendrá bonificacions
Aplicaranse descontos directos a todos os veciños usuarios da tarxeta TMG e os menores de 21 anos viaxarán de balde coa tarxeta Xente Nova da Xunta
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, veñen de asinar o convenio de colaboración para a implantación de bonificacións nas viaxes aos veciños usuarios dos servizos de autobús que se presten dentro do municipio ou entre este municipio e o concello de Ourense.
Xunta e Concello de Barbadás rubricaron o marco de colaboración que busca fomentar o uso do transporte público e unha mobilidade segura nos servizos que comunican as diferentes parroquias do concello entre si e deste municipio con Ourense, establecendo distintos tipos de bonificacións para os veciños do municipio, a través do uso da Tarxeta Metropolitana de Galicia (TMG) e a tarxeta Xente Nova da Xunta e bonificacións sociais adicionais para diversos colectivos.
Segundo recolle o convenio, os descontos aplicaranse nos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral que comunican os principais focos de demanda de mobilidade do municipio. Tamén se introducen bonificacións especiais a colectivos específicos como parte da implantación de determinadas medidas de políticas sociais no termo municipal.
No marco deste acordo, o departamento que dirixe Ethel Vázquez aplicará os descontos directos a todos os veciños usuarios da tarxeta TMG nos desprazamentos en autobús entre as parroquias de Barbadás e coa cidade de Ourense. Os menores de 21 anos viaxarán de balde coa tarxeta Xente Nova da Xunta e o resto de usuarios da tarxeta TMG poderán beneficiarse dun desconto de 0,50 euros na viaxe sobre a tarifa xeral, sendo o importe final que deberán abonar de 0,85 euros.
Ás bonificación de uso xeral, sumaranse a outras bonificación sociais. Estes descontos van dirixidos por un lado, aos colectivos de estudantes e pensionistas, e doutro ás persoas en situación de risco ou emerxencia social do municipio, neste último caso, o custo da viaxe será gratuíto. Para acceder a estas bonificacións sociais os beneficiarios deberán dispoñer da tarxeta TMG.
Todas as bonificacións son acumulables ás previstas no servizo de transporte de bonos de 50 ou 100 viaxes que aplican as operadoras do transporte. Neste caso, o desconto estímase entre 17,5 e 60 euros, respectivamente. Durante a vixencia deste convenio, de catro anos, ata o 2024, o Concello realizará unha achega estimada en preto 410.000 euros. O acordo poderá ser prorrogado outros catros anos máis.
O de Barbadás é un dos 92 municipios da provincia no que desde o pasado día 15 de xuño está a funcionar a tarxeta Xente Nova, que lle permite aos menores de 21 anos viaxar gratis no transporte da Xunta. Das 523 tarxetas expedidas ata o momento, 139 foron distribuídas neste municipio, o que representa arredor dun 25% do total dos dispositivos expedidos na provincia.
De cara a mellorar o servizo aos usuarios do transporte público, tamén a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lle fará entrega de 3 marquesiñas ao Concello de Barbadás, que será o encargado da súa instalación.