Agrogandeiro

Visita de Estudantes da Escola Superior de Enxeñería da USC

Alumnado da Escola Politécnica Superior da USC coñecen o traballo do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde

Óscar Gómez

Ourense | 14.06.2022 09:48

Visita de Estudantes da Escola Superior de Enxeñería da USC
Visita de Estudantes da Escola Superior de Enxeñería da USC | onda cero

Alumnado do grao de enxeñería agrícola e agroalimentaria e do dobre grado en enxeñería agrícola e alimentaria e en enxeñería forestal e do medio natural da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela visitaron o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, situado en Xinzo de Limia. A xornada formativa, organizada polo profesor Benigno Ruíz Nogueiras dentro da materia "Cultivos agrarios extensivos", pretendía ofrecer aos estudantes información detallada dos traballos de asesoramento, análise e investigación que realiza dito organismo.

Durante o encontro puideron coñecer as particularidades produtivas da provincia de Ourense e da comarca da Limia en particular; achegándolles unha visión xeral dos ciclos produtivos que rexen unha explotación agraria profesional. Para elo, os técnicos do Inorde organizaron un programa que englobou unha visita á Gallega de Patacas como distribuidor, á Comunidade de Regantes Antela, e ó Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia. A xornada rematou na finca de Ensaios Antela para explicarlles as experiencias e ensaios de campo que o Centro Agrogandeiro realiza na presente campaña en relación co cultivo da pataca e co cereal, desde a conservación e mellora dos solos agrícolas, pasando pola optimización da loita contra pragas e enfermidades ata a conservación da biodiversidade, entre outras.

Os futuros enxeñeiros mostraron especial interese polas analíticas de solo encamiñadas a determinar a presenza do patóxeno globodera (nematodo da pataca), no relativo á resolución da posible problemática relacionada cos temas agroambientais e nas posibilidades que estes profesionais terán á hora da súa incorporación no sector.