Rairiz de Veiga retomará do 23 ao 25 de setembro a celebración da Romaría da Saínza e o combate entre mouros e cristiáns. Un festexo que co patrocinio da Deputación de Ourense mestura historia, tradición e modernidade, incorporando nesta edición a I Foliada da Saínza. O programa de actividades da romaría foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; a alcaldesa, Asunción Morgade; e o presidente e maila secretaria da asociación Amigos da Romaría da Saínza, Julio Domínguez e Ana Belén Míguez.
Rosendo Fernández destacou a significativa participación veciñal nunha celebración “que vive como autenticamente súa, e que ademais é unha das últimas grandes festas do verán ourensán”. A Deputación, afirmou, mantén un compromiso de colaboración con esta romaría, “declarada de interese turístico pola Xunta de Galicia no ano 2000 e na que o combate entre mouros e cristiáns remóntase ata o ano 1840”.
Para Asunción Morgade, que agradeceu o apoio tanto da Deputación como da Xunta, este é un momento destacado no concello de Rairiz de Veiga, “pois retomamos unha festa interrompida desde hai dous anos, ofrecendo un programa de actividades extenso e aberto a todos os públicos”. Ademais do histórico combate, onde os soldados estrean traxes este ano, a alcaldesa subliñou a celebración da I Foliada da Saínza que inclúe obradoiros de música para os pequenos, música e baile tradicionais, alboradas e pasarrúas.
A secretaria da asociación cultural, como entidade organizadora, explicou os momentos clave do combate entre mouros e cristiáns, que terán lugar no sábado á medianoite e o domingo a partir das 12.30 horas. Na noite do sábado os cristiáns celebran coas súas donas o regreso ao Castelo despois de longos días de batalla, momento no que chegan os mouros, conquistan a fortaleza e apresan á cativada do lugar. O domingo pola mañá, os cristiáns encoméndanse á Virxe da Merced e comeza o último combate, que rematará coa derrota dous mouros no campo do castelo.