Concello de Allariz

Volven as visitas guiadas a Allariz os domingos de verán

A Área de Promoción Económica, Comercio e Turismo, pon en marcha a partir do día 17 de xullo, visitas guiadas polo casco histórico de Allariz durante os domingos de verán. Despois da gran acollida que tivo a actividade os veráns pasados, volven as visitas con grupos reducidos dende metade de xullo ata finais de agosto.

Redacción

Ourense | 04.07.2022 10:47

Volven as visitas guiadas a Allariz os domingos de verán
Volven as visitas guiadas a Allariz os domingos de verán | Onda Cero

As visitas desenvolveranse en grupos reducidos de ata 25 persoas e partirán da Oficina de Turismo de Allariz ás 11:30h tendo una duración aproximada de 1 hora e media. Nelas percorrerán as beiras do río Arnoia e o casco histórico de Allariz, coñecerán todo tipo de elementos culturais, monumentais, paisaxísticos e patrimoniais vencellados á historia alaricana, con especial atención as súas prazas, igrexas, recursos turísticos, lendas e anécdotas. O Arnado, a Praza Maior, A Paneira, a Igrexa de Santiago, a rúa da Cruz e o Edificio do antigo Xulgado adoitan a ser paradas inescusables nestes itinerarios.

As rutas guiadas realizadas pola cooperativa Xeitura darán a coñecer Allariz dunha forma amena e divertida.

As visitas terán unha capacidade limitada, polo que se deberá reservar praza na Oficina de Información de xeito presencial, por teléfono chamando ao 988 442 008 ou no correo informacion@allariz.gal. A tarifa xeral será de 6 € e reducida de 3€ para parados, estudantes e xubilados, sendo de balde ata os 10 anos inclusive.

A área de turismo preparase para a tempada de verán tamén cun novo horario na Oficina de Información da rúa o Piñeiro, que nos meses de xullo e agosto non pechará ningún día para poder dar atención a todas as persoas que se achegan a coñecer Allariz. Recordemos que a Oficina de Turismo de Allariz recibe unha media de 45 000 visitantes ao ano.