O deputado autonómico do PSdeG-PSOE de Ourense, Juan Carlos Francisco Rivera, vén de comunicar de forma oficial que renuncia a súa acta no Parlamento de Galicia por motivos “estritamente” persoais e familiares. O parlamentario autonómico dos socialistas ourensáns compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, para aclarar os motivos da súa renuncia como deputado autonómico.
Francisco Rivera aproveitou para expresar o seu agradecemento ao PSdeG-PSOE pola “confianza depositada en min para ocupar cargos orgánicos e institucionais”. Sinaladamente tamén amosou un agradecemento “especial” a Gonzalo Caballero que segundo manifestou “me permitiu encabezar a lista o Senado en dúas ocasións e tamén formar parte da lista ao Parlamento de Galicia”. O ex secretario de organización dos socialistas ourensáns tamén tivo palabras de agradecemento para Rafa Villarino do que dixo “é meu amigo e teño unha relación que vai máis aló da política e sempre me amosou a súa confianza e estivo ao meu carón a hora de tomar decisións complexas”.
O ata o de agora parlamentario autonómico tamén fixo fincapé en que “voume da vida institucional, política e orgánica, pero non me vou do partido, xa que estarei a disposición do PSOE sempre para loitar e conseguir os obxectivos que demanda a cidadanía desta provincia e que non son outros que gobernar a cidade e a provincia”. Neste senso, Juan Carlos Francisco, tamén sinalou que “seguirei ligado a este proxecto colectivo e estou a disposición do partido para todo aquelo no que poida axudar como militante de base”.
Francisco Rivera tamén quixo deixar claro que o detonante da súa marcha son “cuestións persoais e familiares” e apuntou a que nesta decisión “non teñen nada que ver cuestións orgánicas ou do partido, deixo a miña condición de deputado por motivos estritamente persoais”. Francisco tamén tivo palabras de agradecemento para Pedro Puy, voceiro do Partido Popular, que o chamou persoalmente para darlle ánimos e do que o socialista dixo “é unha persoa encantadora, compañeiro e rival político, dun nivel excepcional e superlativo”.
Pola súa banda o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, quixo amosar a súa “gratitude” a Juan Calos Francisco, e destacou o seu “excelso rendemento” durante os seus anos de servizo ao partido e á cidadanía. Neste senso, o líder dos socialistas ourensáns apuntou a que “toda a vertebración do partido débese o seu traballo, un traballo que empregamos agora para seguir medrando como organización política”. Villarino tamén dixo de Juan Carlos Francisco que “é unha persoa cun forte compromiso político e das persoas con maior criterio que coñecín na miña vida, cunha visión global que non é fácil de atopar e por iso imos a seguir contando con el, e sempre vai ter as portas abertas da nosa formación”.
Juan Carlos Francisco Rivera presentará a súa renuncia oficial este próximo mércores pola mañá diante da mesa do Parlamento. O seu substituto será Eduardo Ojea, número 4 da lista dos socialistas ourensáns ao Parlamento de Galicia.