Cultura

O xacemento de Armea nunca deixa de sorprender

As escavacións cumpren este ano XII edicións, na que tanto a Universidade de Vigo como o Concello de Allariz teñen apostado polo potencial deste xacemento.

Óscar Gómez

Ourense | 21.09.2023 09:52

O xacemento de Armea nunca deixa de sorprender
O xacemento de Armea nunca deixa de sorprender | onda cero

Entre as novidades desta campaña Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense e director das escavacións na 'cibdá' de Armea, salientou a aparición dunha nova casa de dúas plantas, cun patio de pedra. Ademais a vivenda conta cunha estrutura central toda de pedra con columnas de piares cadrados que se atoparon durante a escavación xunto cos capiteis. Outras das novidades desta campaña de 2023 foi a aparición dunha edificación circular, castrexa pre-romana na parte baixa da Atalaia, segundo nos explicou Adolfo.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, agradecía a colaboración tanto da Xunta de Galicia coma da Deputación Provincial nun proxecto tan importante como é o de Santa Mariña. Segundo palabras da alcaldesa en Santa Mariña de Augas Santas se cumpren dous obxectivos importantes. O primeiro é conseguir desenterrar o pasado para entender mellor onde estamos, como chegamos á actualidade sendo conscientes da historia, do noso pasado, da nosa memoria histórica. O segundo obxectivo que se cumpre é que todo este patrimonio que se está a desenterrar sirva para dinamizar unha zona tan importante coma esta. Estase a conseguir que un recurso tan importante axude a asentar poboación en núcleos que a estaban a perder, poñendo en valor o patrimonio.

Adolfo Fernández resaltaba a importancia da colaboración das distintas institucións e agradecía a confianza posta no GEAAT no proxecto de Armea. O director da escavación tamén destacou que Armea convértese en cada campaña nun centro de formación para os estudantes de arqueoloxía que cada verán se achegan a escavar.

María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, resaltou a importancia das actuacións como estas, a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural dende as institucións , que permitan que xeracións vindeiras comproben, coñezan as culturas que nos precederon.

Por outra banda, María Teresa Barge, como representante da Deputación de Ourense, manifestou a satisfacción por parte da institución que representa por formar parte deste proxecto de recuperación da historia de Armea.