Neste tempo máis de 35.000 persoas visitaron os xardíns efémeros. As cifras mostran, segundo sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “a consolidación do Festival co paso dos anos, establecendo a visita ao Festival como evento anual para moitas persoas que se achegan a visitar o recinto e Allariz ”.
O evento alaricano, único no estado, converteuse, ao longo destes 13 anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial. A asemblea anual de AGAEXAR,a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.
Premio dos/as visitantes
Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. “Xardín Informal”, do colombiano Julián Castañeda obtivo o 19,10% das votos polo que se converte no gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2023 e permanecerá un ano máis no recinto do Festival.
Este xardín é un eloxio a todas estas persoas que medraron e saíron adiante desde a informalidade. Un xardín que suscita a materialidade dos asentamentos informais (Metal, Madeira, Cachotería, Cor), onde a creatividade e o vernáculo se xuntan para dar vida á vivenda de millóns de persoas en toda Latinoamérica. A partir de grandes materas verticais representa esta xeometría e arquitectura de montaña que tanto caracteriza as grandes metrópoles desta rexión.
O segundo lugar, foi para o xardín polaco “Plants of the world, de Katarzyna Wojdziak que cun 18,81€% dos votos acadou esta posición.