Ourense converterase do 20 ao 23 de abril no eixo dos camiños de Santiago coa celebración do XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas que, patrocinado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, reunirá na capital a 225 persoas procedentes de 43 asociacións xacobeas de 12 países.
O programa do encontro, que ao longo das catro xornadas contará con 4 mesas redondas, 8 conferencias e 19 ponentes, foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; e os presidentes da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Plata Ourense, José Luis Rodríguez Cid -como entidade organizadora-; e da comisión organizadora do propio congreso, José Antonio Quintas.
Na súa intervención, Rosendo Fernández recoñeceu o traballo dos organizadores e puxo en valor a importancia dun congreso que “pon en valor os roteiros xacobeos e converte a Ourense na capital deste fenómeno global”.
Pola súa banda, José Antonio Quintas e José Luis Rodríguez Cid coincidiron en destacar o apoio da Deputación a un congreso que “culmina o traballo da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe - Vía da Plata Ourense”. Despois de lembrar a referentes intelectuais como Elixio Rivas, reivindicaron a importancia do fenómeno xacobeo, “unha fiestra global para Ourense e unha panca de desenrolo para esta provincia e Galicia”.
Entre outros fitos do congreso, Quintas e Cid destacaron o nivel dos participantes -que se condensará nun libro das actas da cita- xunto á firma do acordo “Europa-Compostela” ou a colocación da estatua dun peregrino, obra de Ramón Conde.
Recepción oficial no Liceo e acto de apertura no Marcos Valcárcel
Baixo o lema “Camiños de Santiago, camiños culturais; unha mirada a Europa”, o programa do congreso comeza na tarde do xoves día 20 no Liceo de Ourense, onde se celebrará a recepción oficial.
Xa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se desenvolverá o encontro, a xornada matinal do venres, día 21, inclúe o acto de apertura no que xunto ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, participará tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Trala sinatura do acordo “Europa-Compostela”, o programa continuará cunha conferencia inaugural a cargo do escritor Jesús Sánchez Adalid. Antes do almorzo e por videoconferencia, o catedrático de Historia da Arte, Miguel Taín Guzmán, falará sobre a catedral de Santiago, para seguir cunha mesa redonda sobre os novos desafíos na cultura coa participación representantes do estado, da Xunta e da universidade.
A sesión de tarde iniciarase cunha charla do profesor e sacerdote Miguel Ángel González sobre o mosteiro de Oseira no camiño, á que seguirá unha nova mesa redonda que abordará a tradicional acollida no camiño coa participación de hospitaleiros. O escritor Fernando Santos Urbaneja porá fin a esta primeira xornada cunha conferencia sobre as raíces de Europa.
As asociacións xacobeas no mundo
O sábado, día 22, intervirá en primeiro lugar a doutora e catedrática en Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, María Teresa Carballeira, para falar do dereito, os itinerarios culturais e o Camiño de Santiago. Os camiños en Europa centrarán a mesa redonda que se celebrará a continuación con representantes de asociacións e do Xacobeo 21-22. Xa pola tarde, o director de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, exporá o Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027. O historiador e escritor, Francisco Singu, falará despois dos renacementos no camiño compostelán, para continuar cunha mesa redonda sobre as asociacións no mundo con representantes españoles, americanos, de Países Baixos e Alemaña.
O congreso rematará o domingo cunha conferencia do presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Manuel Castiñeiras, que analizará os símbolos da peregrinación xacobea, e á que seguirá o acto de clausura. Os congresistas asistirán finalmente a unha misa solemne na Catedral, presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, coa actuación da Coral de Ruada.
No programa figuran ademais tres visitas a outros tantos puntos da provincia como a Ribeira Sacra, incluído o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e unha viaxe no catamarán, e ás vilas de Allariz e Celanova.
Cita trienal coa tradición xacobea
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago celebra desde 1987 e con carácter trienal este congreso internacional no que veteranos peregrinos e investigadores intercambian experiencias e coñecementos relacionados coa tradición xacobea.
Organizado pola Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe-Vía da Plata, nesta ocasión a cita procura poñer en valor o Roteiro Xacobeo, declarado en 1987 “Primeiro Itinerario Cultural europeo”, elixindo Ourense como sede “pola súa monumentalidade, historia, patrimonio, comunicacións, cooperación das institución e por ser cidade peregrina e de xenerosa hospitalidade”.