A Deputación de Ourense vén de publicar o libro titulado Arturo Baltar, do escritor e xornalista Antón Lopo, que permite redescubrir a figura e obra do escultor ourensán “nunha publicación de luxo sobre un dos xigantes da nosa cultura”, afirmou esta mañá o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a presentación no Pazo Provincial deste volume e na compaña do seu autor.
Calquera momento é importante para “reivindicar o legado, compromiso, traxectoria, obra e identificación con Ourense do artista”, asegurou Manuel Baltar, que fixo un recoñecemento explícito do traballo de Antón Lopo por contribuír con este libro “a manter unha homenaxe permanente ao escultor”.
O presidente do goberno provincial vinculou a edición do volume á entrega, onte, do título de Fillo Adoptivo da provincia a outro destacado escultor ourensán, Manuel Buciños. Neste sentido, Manuel Baltar anunciou que o artista, co apoio da Deputación, comprometeuse a recuperar a única escultura de Arturo Baltar situada nun espazo público, o parque Miño de Ourense, onde fora instalada a finais dos anos 90 e que cuxo orixinal, fundido polo propio Buciños, permanece en paradoiro descoñecido logo de ser subtraído do seu emprazamento. Unha gran oportunidade para “devolvela ao seu sitio e que siga tendo a presenza que nunca debeu perder”, remarcou o presidente da Deputación.
Cinco anos de traballo
Antón Lopo definiu o libro como un modo de “reenfocar a vida e obra de Arturo Baltar, non só como un dos escultores máis importantes da posguerra en Galicia e dentro da arte galega, senón tamén como unha persoa e un artista fundamental en Ourense, pois tamén con esta obra se reconstrúe a historia da cidade a través da mirada pícara do artista e vemos como o escultor vincula a varias xeracións de ourensáns co seu belén”.
Agradecido á Deputación por editar un traballo “de máis de cinco anos”, Anton Lopo tamén tivo palabras de gratitude para o escultor “que me deu a confianza e a xenerosidade de adentrarme na súa vida”. O autor apuntou que o volume corrixe cuestións biográficas, como a súa data e lugar de nacemento -A Habana, 1931-, e descubre “ao pimeiro performer da arte galega”, en referencia a súa participación como actor na película de José Val del Omar, Acariño galaico, rodada en Ourense a principios do anos 60 e na que Arturo Baltar foi un dos protagonistas.
Precisamente o axudante de dirección desta cinta, o poeta e cineasta Anric Masso, foi clave para conseguir as imaxes que se reproducen no libro, pois boa parte pertencen ao seu arquivo e son inéditas, xa que o propio Arturo Baltar tan só conservaba media ducia de fotos correspondentes á súa infancia.