A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta a aposta da Xunta pola vertebración do interior de Galicia con actuacións como a mellora da estrada OU-540, nas comarcas da Baixa Limia e de Celanova, cun investimento autonómico de 10,3 millóns de euros.
Vázquez Mourelle contrapuxo, no Parlamento galego, o traballo da Xunta a prol do rural coas iniciativas que impulsa o Goberno de España, que inciden na exclusión de investimentos.
A actuación que impulsará o Goberno galego na estrada OU-540 incrementará a capacidade da estrada, reforzará a seguridade viaria e aumentará a competitividade desta contorna, beneficiando aos veciños de Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo e Lobios. Para iso, dotarase a estrada de 13 quilómetros de carrís adicionais de adiantamento, redeseñaranse as interseccións e melloraranse as condicións do firme.
Ethel Vázquez detallou que esta estrada rexistra unha intensidade de tráfico que vai desde os 2.600 vehículos ao día entre Celanova e Bande aos menos de 700 nos treitos máis próximos á fronteira con Portugal. Engadiu que máis de 13.000 veciños viven nos municipios polos que discorre a vía.
A este respecto, contrapuxo que mentres a Xunta aposta con determinación polo rural, o Goberno de España déixao fóra no reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade, xa que as condicións impostas impiden que actuacións como as deste viario poidan optar a estes investimentos.
Lamentou tamén que a Lei de mobilidade sostible que está a tramitar o Goberno de España, siga a mesma senda, deixando aos concellos máis pequenos e rurais sen servizos e sen infraestruturas.
Manifestou a súa inquedanza ante a postura do Goberno central, que non financia servizos públicos de transporte nin infraestruturas públicas deficitarias. Neste sentido, indicou que a Xunta non comparte este modelo lesivo e discriminatorio para o rural e, polo tanto, prexudicial para Galicia.
Por isto, reiterou que o Goberno galego está a traballar, como proxectos independentes e complementarios, nas Variantes de Verea e de Bande. Ademais puntualizou que a mellora da OU-540 é compatible co posible desenvolvemento futuro da prolongación da autovía AG-31.
Precisou, nesta liña, que a prolongación da autovía só ten sentido no marco dun acordo internacional entre España e Portugal, no que ambos países aposten por esta conexión transfronteiriza.
Ethel Vázquez lembrou, ademais, que a planificación de estradas do Goberno bipartito da Xunta, na época de maior bonanza económica da Autonomía, non prevía ningunha actuación de mellora na conexión desta estrada entre Celanova e Portugal.