Actívanse 2M€ en apoios destinados á renovación de electrodomésticos nos fogares galegos que, durante este ano 2022, permitirán a 13.000 familias aforrar 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica, nun momento en que a elevada inflación dos produtos enerxéticos está a impactar considerablemente nos fogares.
Os apoios do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total. As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e pedidas a través de entidades colaboradoras.
Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.
Con esta nova convocatoria a Xunta de Galicia prevé promover unha mobilización de 7M€, aforros económicos anuais de 540.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 2700MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 40.000 árbores e o mantemento ou creación dun, aproximadamente, centenar de postos de traballo, entre directos e indirectos.
Galicia avanza, polo tanto, nun cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para a descarbonización da economía a través deste programa para a renovación de electrodomésticos. Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización comercial.
Na pasada convocatoria do Galicia Renova Electrodomésticos, a Xunta xa apoiou actuacións que serviron para reactivar a actividade comercial e facer fronte aos efectos da pandemia neste sector.