Sanidad

A Xunta adxudica a reforma da UCI do hospital de Ourense

Con esta obra, o Hospital de Ourense duplicará o espazo actual da súa unidade de coidados intensivos, que ampliará as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal

Óscar Gómez

Ourense | 14.03.2022 08:15

A Xunta adxudica a reforma da UCI do hospital de Ourense
A Xunta adxudica a reforma da UCI do hospital de Ourense | Faro de Vigo

Esta semana fíxose pública a proposta de adxudicación, por parte da mesa de contratación, do proxecto, execución e dirección facultativa das obras de reforma da Unidade de Coidados Intensivos, do Hospital Universitario de Ourense, á UTE Seranco SAU+Oreco SAU, que disporán dun orzamento de 8.221.708 euros para poñer en marcha a que será a primeira UCI deseñada tendo en conta as necesidades da pandemia.

Con esta obra, o Hospital de Ourense duplicará o espazo actual da súa unidade de coidados intensivos, que ampliará as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal, mediante unha adaptación de espazos para a implantación de tres módulos da UCI cos seus correspondentes áreas asistenciais e administrativas de apoio.

O proxecto axeitarase aos mais actuais requirimentos estruturais dunha unidade de críticos, referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, acorde ás novas regulacións do manexo de pacientes, incluídas aquelas específicas no marco da pandemia da covid, pero tamén aos novos procedementos asistenciais e uso de novas tecnoloxías e equipamentos electromédicos ou de alta tecnoloxía.

As obras presentan unha alta complexidade, porque se desenvolverán no mesmo mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan na actualidade as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación. Estes dous servizos son os que precisamente se coordinaron e compartiron espazos para facer fronte á demanda asistencial dos pacientes críticos durante a pandemia.

Publicada a licitación da obra en medicina nuclear

Por outra banda, tamén nesta semana, o Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación, autorizada polo Consello da Xunta do pasado 3 de marzo, do contrato da obra do Servizo de Medicina Nuclear no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, por un importe de 2.271.164 euros. Ábrese agora un prazo de presentación de ofertas por parte das empresas candidatas ata o día 6 de abril.

En consonancia co anunciado co presidente da Xunta no Consello celebrado en Ourense, esta obra completarase con outros 2.987.813 euros para o equipamento, que inclúe o primeiro PET-TC que se instala na provincia e dúas novas gammacámaras de última xeración, sumando un investimento global de 5.528.978 euros para a construción e o equipamento do Servizo de Medicina Nuclear no andar -1 do CHUO.

Este novo servizo estruturarase en catro áreas básicas. Terá unha área non protexida onde se sitúan as dependencias ambulatorias e de admisión; unha área radioprotexida, composta por dúas gammacámaras, sala técnica común, a sala de inxección e as esperas correspondentes e a cámara quente e residuos. A terceira área será a de terapia metabólica, cunha habitación, sala diferenciada para limpeza da área, oco para residuos sólidos e control de enfermería; e por último unha área de PET-TC, independente e con entrada diferenciada. Todos os espazos blindaranse de maneira adecuada para a protección do paciente e o profesional.

Sanidade pública de futuro para Ourense

Estas obras realizaranse en paralelo ás de ampliación hospital de referencia provincial, que arrancarán este mesmo mes de marzo, segundo anunciaron este luns o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, no acto de sinatura da acta de replanteo, que dan inicio aos prazos, para a construción dun novo edificio de hospitalización de 12 andares e a reforma integral do Materno Infantil, un investimento de preto de 52,6 millóns e xerará preto de 1.000 empregos.

Todos estes proxectos forma parte dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá anunciado o pasado 2 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, que contempla investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria. Ao xa relatado unirase o novo Centro Integral de Saúde para a cidade, do que en novembro foi adxudicado o contrato do proxecto arquitectónico e cuxa obra contará cun investimento de máis de nove millóns, así como dous novos edificios no Hospital ourensán: un de carácter ambulatorio e outro administrativo, que xa contan cun Plan funcional aprobado e cuxo proxecto arquitectónico será licitado con cargo aos Orzamentos deste ano.

Ademais, os orzamentos da Xunta de Galicia para este ano en tecnoloxía sanitaria posibilitarán tamén renovar os dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia así como catro equipos TC; renovar a sala Radioloxía Vascular Intervencionista e dotar a este servizo cun novo equipo de Anxiografía Neurorradiolóxica; así como incorporar oito novos ecógrafos para o servizo de radiodiagnóstico e un para o servizo de urxencias.