A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na Adega Algueira na xornada A Ribeira Sacra como destino enoturístico de excelencia, organizada desde o Polo de emprendemento de Monforte para poñer en valor as oportunidades de negocio na súa contorna.
Tal e como destacou Ardao, leva xa atendidos 81 proxectos. O 22% dos proxectos teñen encaixe no sector servizos, un 19% no sector da hostalería e un 14% corresponden a actividades artísticas, recreativas e de entretemento.
“Cómpre destacar que do número de persoas atendidas neste polo (61) o 70% son mulleres e o 45% destas persoas sitúanse nunha franxa de idade entre 35 e 52 anos”, avanzou a directora xeral, quen amosou o seu convencemento de que a través da Rede de polos, Galicia está a contribuír ao autoemprego feminino e, cada vez máis, a iniciativas promovidas por persoas mozas.
Os polos, tal e como debullou, son recursos próximos que contribúen a atopar nichos de emprendemento nas súas contornas. Grazas a iniciativas como a de hoxe, proposta polo centro de Monforte de Lemos, abordáronse as oportunidades que brinda o enoturismo na Ribeira Sacra, poñendo o foco na innovación, na colaboración e na procura da excelencia.
Co acto de hoxe trátase de involucrar ás adegas na busca dun turismo de calidade centrado en identificar opcións de emprendemento neste ámbito. Entre os participantes na xornada, a Xunta contou con representantes de Adega Algueira, que ven de recibir un recoñecemento nacional polas súas boas prácticas en materia e enoturismo. Tamén participaron as adegas Ponte da Boga, Vista Sacra, Adega Castrofiz, Finca Quinteliña, Enoturismo Galicia, Mais que románico, Terras Gauda e Entre VIdes.
A Xunta de Galicia está a confirmar a súa aposta polo rural á hora de situar os polos en contornas menos poboadas para xerar riqueza pegada ao territorio. Desde a posta en marcha da Rede, en xullo do ano pasado, estes recursos (11 en activo na actualidade) atenderon máis de 700 persoas ás que se lles prestaron máis de 2.200 titorías.
A Rede de polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. A finalidade é acadar os 15 centros activos nos próximos meses, para cubrir o cen por cento do territorio galego.
Emprendemento Plus
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da liña de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinada a apoiar o emprendemento, un programa que convocou por primeira vez este ano (Emprendemento Plus) e ao que destinou 5,5 millóns de euros. Grazas a esta iniciativa concedéronse 200 axudas para apoiar a continuidade e consolidación de iniciativas empresariais en Galicia e a xeración de 100 postos de traballo.
Trátase dunha liña de axudas que se convocou por primeira vez este ano e que ten como obxectivo apoiar a continuidade e consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pemes cunha antigüidade máxima de 42 meses. Son axudas para financiar investimentos e impulsar a creación de emprego.