A Xunta anima a apostar pola dixitalización do tecido empresarial
A Xunta porá en marcha unha liña de axudas para que 27.000 autónomos e pemes do comercio, o turismo, o sector servizos e o transporte instalen medidas de protección para clientes e traballadores
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde nun webinario organizado pola Asociación de Executivas de Galicia, no que informou ás participantes das distintas axudas da Administración autonómica destinadas a avanzar na reactivación económica de pemes e autónomos, con especial atención aos apoios dirixidos á dixitalización dos procesos produtivos, o que abre novas canles de comercialización e favorece o incentivo da demanda.
Ofrecer confianza aos consumidores, matizou Conde, é fundamental para continuar coa recuperación económica. A este respecto, defendeu a implementación das condicións necesarias para garantir a seguridade nos establecementos. Un eido no que a Xunta ten previsto activar axudas destinadas a 27.000 autónomos e pemes do comercio, o turismo, o sector servizos e o transporte, facilitando a instalación de medidas de protección para clientes e traballadores.
O conselleiro subliñou a obriga de lograr a recuperación económica fortalecendo e mellorando as condicións do tecido empresarial, facilitando para isto ferramentas de asesoramento, formación, financiación e simplificación administrativa que reforcen aos distintos axentes produtivos.
Neste senso, Conde animou ás participantes a impulsar a dixitalización dos procesos de produción das súas empresas para adaptarse ás novas circunstancias económicas e aos novos consumidores, reforzando aspectos como o comercio electrónico, o teletraballo e o desenvolvemento de empresas descentralizadas vinculadas ao rural. Un modelo dixital que o conselleiro supeditou a un estímulo á formación que mellore as competencias dos profesionais, potenciando novas liñas de actuación.
A Xunta tamén pon a disposición de pemes e autónomos o programa Igape Responde, unha canle directa e gratuíta de información e asesoramento, dispoñible desde o pasado luns, 1 de xuño, e que xa ofrece atención directa por teléfono, no número 900 815 151, e a través do correo electrónico igaperesponde@igape.es.