Turismo

A Xunta anima a coñecer o primeiro sendeiro azul

O Goberno autonómico, en calidade de titular e xestor do parque ourensán, presentou a candidatura da ruta de Aceveda ante Adeac, subliñando que é un dos 49 sendeiros galegos que lucirán o distintivo en 2024.

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta anima a coñecer o primeiro sendeiro azul
A Xunta anima a coñecer o primeiro sendeiro azul | onda cero

Belén do Campo, animou a descubrir e percorrer a ruta peonil de Aceveda, no corazón do Parque Natural do Invernadeiro e un dos 49 sendeiros azuis recoñecidos en Galicia este ano pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac). Acompañada pola alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, a responsable autonómica achegouse ata o miradoiro do Río Pequeno —construído pola Xunta o ano pasado para poñer en valor os recursos paisaxísticos do Invernadoiro— e desde alí desprazouse ata a Ribeira Pequena, punto de inicio do sendeiro da Aceveda e desde onde percorreu a pé un pequeno tramo da ruta, “o primeiro sendeiro azul declarado na provincia de Ourense”, tal e como subliñou.

Neste sentido, do Campo explicou que foi a propia Xunta, como administración titular do Parque Natural do Invernadeiro e responsable da súa xestión, a que decidiu presentar a candidatura a sendeiro azul de Aceveda, do que destacou a “beleza” das paisaxes que atravesa ao longo dos seus 8 quilómetros de percorrido.

Cómpre lembrar que o galardón Bandeira Sendeiro Azul, que concede Adeac desde hai varios anos, busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas, turísticas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna.

A Xunta anima a coñecer o primeiro sendeiro azul
A Xunta anima a coñecer o primeiro sendeiro azul | onda cero

Para obter este recoñecemento débense cumprir un conxunto de criterios e indicadores, que se agrupan en catro categorías: características das sendas e trazados; información, sinalética e infraestruturas dispoñibles; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e uso público dos itinerarios.

Tras darse a coñecer recentemente o resultado da convocatoria de 2024, Galicia consolídase como a comunidade autónoma con máis rutas distinguidas, cun total de 49, tal e como salientou Belén do Campo. Estes itinerarios están localizados en 27 concellos, dos que 8 están na provincia da Coruña, 4 na de Lugo e 14 na de Pontevedra, ademais do sendeiro azul do Parque Natural do Invernadeiro, o único ourensán que lucirá este distintivo. No conxunto do país concedéronse ese ano 128 bandeiras a outros tantos sendeiros que suman unha rede de case 860 quilómetros de lonxitude.