Vivienda

A Xunta anima os propietarios do centro histórico aproveitar o programa Rexurbe

Ángeles Vázquez lembra que os interesados dispoñen ata o 15 de xullo para facer chegar as súas propostas que, de concluír coa súa adquisición, serán rehabilitados para habilitar vivenda publica en alugueiro

Óscar Gómez

Ourense | 05.05.2022 09:20

A Xunta anima os propietarios do centro histórico aproveitar o programa Rexurbe
A Xunta anima os propietarios do centro histórico aproveitar o programa Rexurbe | onda cero

A Xunta anima aos propietarios do Centro Histórico de Ourense a presentar ofertas ao programa Rexurbe dotado con 400.000 euros para adquirir inmobles nesta cidade.

A conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou —acompañada por veciños e anteriores propietarios— os inmobles adquiridos polo Goberno galego ao abeiro do programa Rexurbe; onde recordou que todas as persoas interesadas en presentar as súas propostas dispoñen ata o 15 de xullo; ao igual que os veciños dos concellos incluídos na oferta de 2022: a cidade da Coruña, onde se inclúe o Casco Vello e o eixo Orzán-Panadeiras, para a que se reserva 1 millón de euros; mentres que o resto do crédito total se distribúe entre Ferrol (200.000 euros), Ribadeo (200.000 euros) e Tui (200.000 euros) e Ourense (400.000 euros).

Recordou que o obxectivo deste programa é adquirir inmobles que, estando inscritos no Rexistro da propiedade, cumpran cos seguintes requisitos: permitirán que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas, que poidan facer inviable a actuación; e que os custos de rehabilitación non resulten desproporcionados.

Indicou que, naqueles casos en que as ofertas conclúan coa adquisición do inmoble ofertado, a Xunta procederá á recuperación do mesmo para habilitar vivendas en réxime de alugueiro a disposición dos veciños de Ourense que se atopen inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda pública de Galicia.

A conselleira destacou que a convocatoria de 2022 non é a primeira na que se inclúe Ourense, pois xa se adquiriron 4 inmobles, os visitados esta mañá. Concretou que os localizados na rúa Profesor Manuel Sueiro, 3, o inmoble localizado na esquina con rúa Liberdade, 28, e o da rúa Pelaio, 9 -para os que o IGVS ten en redacción o proxecto de rehabilitación, coa previsión de contar cos mesmos este verán- permitirán habilitar 8 vivendas; aos que se sumarán as que resulten da recuperación do edificio Cervantes, 29.

Así mesmo, Vázquez Mejuto salientou que as actuacións directas de rehabilitación no Casco Histórico de Ourense comezaron na rúa Vilar, onde se recuperaron os inmobles emprazados nos números 1, 3 e 5, onde se dispuxeron 5 fogares para 5 familias, tras o investimento de máis de 850.000 euros.

En resumo, a Xunta reserva un orzamento de 2,4 millóns de euros cos que prevé habilitar 14 vivendas públicas tras a recuperación dos 7 inmobles dos que é propietaria; aos que se sumarán os que se poidan adquirir no marco da oferta Rexurbe de 2022.