Educación

A Xunta anuncia a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense

Elena Rivo pon en valor o Campus ourensá e sinalou que move a economía, xera emprego e achega riqueza á provincia e a Galicia.

Óscar Gómez

Ourense | 12.12.2023 16:42

A Xunta anuncia a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense
A Xunta anuncia a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense | onda cero

Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, anunciaron a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense, centrado en promover actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga e alimentación.

O titular do departamento educativo da Xunta comunicou que o comité de avaliación vén de emitir informe favorable á acreditación como campus de especialización. “Será o terceiro campus que acada este recoñecemento, sumándose ao Industrial de Ferrol e ao Campus Terra de Lugo”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez salientou que a Xunta vai acompañar ao Campus de Ourense neste camiño á excelencia. Neste marco, Goberno galego e Universidade de Vigo asinarán un protocolo e un convenio de colaboración por un importe aínda por determinar, pero que previsiblemente superará os 3M€ en tres anos”, explicou. “Trátase dunha aposta estratéxica, que agardamos que impulse este campus como un dos motores económicos de Ourense”, incidiu.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, pola súa banda, destacou que o Campus de Ourense, que o conforman 5.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal administrativo, move a economía, xera emprego e aporta, polo tanto, riqueza para a provincia e para Galicia. Así mesmo, Rivo indicou a importancia de apostar pola investigación para captar e reter talento.

Plan Operativo

O conselleiro de Educación detallou que nestes momentos un grupo de expertos está redactando un informe ampliado que fixará as prioridades e as liñas estratéxicas que deberá seguir desenvolvendo o Campus de Ourense nos próximos tres anos a través dun Plan Operativo con indicadores medibles e cuantificables.

A finalidade desta folla de ruta é afondar nos obxectivos do Campus de Ourense, en concreto na formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional; e na internacionalización da investigación multidisciplicar e na promoción da transferencia do coñecemento cara a aplicación en liña coa sociedade, a industria e as institucións, entre outros aspectos. A previsión é que o documento estea rematado nos primeiros meses de 2024.

Case 8,5M€ desde 2013

Román Rodríguez quixo poñer en valor o apoio da Xunta de Galicia ao Campus Auga desde o ano 2013, cun investimento de case 8,5M€. Unha década na que o Campus de Ourense traballou arreo para potenciar todas as súas características distintivas para convertelas en axentes claves do desenvolvemento económico e social.

Así mesmo, destacou a importancia da estratexia de especialización de Campus da Xunta, “unha iniciativa pioneira en todo o Estado que impulsamos desde o ano 2013, centrada en impulsar unhas universidades estreitamente ligadas ao territorio e a que levamos investidos máis de 24,4M€”.