O delegado territorial anunciou que acaba de publicarse unha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme, que abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro 10 de xaneiro, e que contempla 3 M€ para facilitar a mellora das instalacións enerxéticas de ao redor de 700 pemes e autónomos.
Segundo o representante do Goberno galego, o programa aspira a mobilizar 7 M€ de investimentos, así como unha redución do consumo duns 3.400 MWh/ ao ano, unha diminución de emisións equivalente a acción de plantar 51.000 árbores e a creación ou mantemento de 58 postos de traballo.
Gabriel Alén explicou que as axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.
A intensidade de axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais.
Esta é a cuarta convocatoria deste programa que, ata o momento, xa apoiou máis de 2.400 actuacións cunha axuda de 10,17 M€ e que pretende reducir os custos enerxéticos de pemes e autónomos nun contexto de elevado prezo enerxético para aumentar a súa competitividade. Á vez, contribúese a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciónanse as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.
Novo equipamento
Grazas á axuda recibida, este local renovou un forno industrial de gas propano. O antigo equipamento era un forno mixto de vapor e seco, de alto consumo e baixa eficiencia, do que parte da enerxía se disipaba na evaporación da auga, así como nas deficiencias de illamento.
O novo equipamento é un forno Icombi Classic, da marca Rational, que está dotado de tecnoloxías que permiten unha maior optimización do combustible empregado. Ao substituír o equipamento conséguese un aforro de aproximadamente un 27% no consumo inicial.