Economía

A Xunta apoia a 11 concellos de Ourense para reducir a súa factura eléctrica

Cun apoio de preto de 135.000 euros, os 11 concellos desenvolverán un proxecto conxunto no que se analizarán os consumos eléctricos e térmicos dos concellos, o que lles permitirá reducir a súa factura enerxética.

Óscar Gómez

Ourense | 05.07.2023 08:05

A Xunta apoia a 11 concellos de Ourense para reducir a súa factura eléctrica
A Xunta apoia a 11 concellos de Ourense para reducir a súa factura eléctrica | onda cero

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, mantivo un encontro informativo coa Asociación de desenvolvemento rural da comarca de Ourense (Adercou) en relación co programa de planificación para concellos e comunidades enerxéticas posto en marcha este ano pola Xunta de Galicia e do que 11 concellos desta entidade resultaron beneficiarios.

En concreto, trátase da Peroxa, Vilamarín, San Cibrao das Viñas, Ramirás, O Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Nogueira de Ramuín, Gomesende, Coles, Amoeiro e Xunqueira de Espadanedo. Cun apoio de preto de 135.000 euros, os 11 concellos desenvolverán un proxecto conxunto no que se analizarán os consumos eléctricos e térmicos dos concellos, se realizará un estudo estratéxico de subministración enerxética e se impulsará un procedemento de contratación centralizada, o que lles permitirá reducir a súa factura enerxética.

Esta iniciativa enmárcase nas axudas de planificación para concellos e comunidades que este ano se abriu por primeira vez nun contexto de elevada volatilidade do custo enerxético. Deste xeito, a liña destinada a concellos tiña por obxectivo apoialos nun momento no que están tendo dificultades para contratar a subministración, a través de axudas para contar con servizos xurídicos ou técnicos para a elaboración dun estudo estratéxico, ou para promover a contratación centralizada.

No caso das comunidades enerxéticas, o obxectivo era impulsar o asociacionismo de todos os axentes para o deseño de solucións locais que poidan contribuír a un consumo responsable e sustentable. Neste caso os apoios cobren os custos da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos. Ambas as dúas modalidades recibiron un total de 39 solicitudes.