A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa formativo para a renovación e a conservación de técnicas e oficios tradicionais destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector. A través da Fundación Artesanía de Galicia, desenvolve o programa Aprender da Tradición. Oficios e técnicas, como un incentivo que permita asegurar a remuda xeracional naqueles oficios e técnicas máis tradicionais. Precisamente unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía é preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.
No programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas inclúense polo momento un total de seis cursos de especialización en ourivería compostelá, filigrana e xastrería –que xa comezaron a desenvolverse en Santiago de Compostela–, na olería de Buño, no tecido tradicional e na pasamanería. Desde a Xunta de Galicia estase traballando xa noutros cursos de formación especializada en técnicas tradicionais doutros oficios artesanais.
Os obxectivos específicos do programa son capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos; facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas; fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais.
En Santiago de Compostela acábanse de iniciar actividades formativas en dúas das técnicas máis representativas da ourivería compostelá como son a filigrana e o acibeche. O ourive Ricardo Rivas, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020, imparte un curso de Iniciación á talla do acibeche dirixido a profesores e ex-alumnos da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; e a ourive Susi Gesto imparte o curso Paseo pola ourivería compostelá. Técnica da filigrana.
O pasado domingo comezou tamén en Santiago de Compostela a formación especializada en Xastrería artesanal. Execución dunha chaqueta de traxe, impartida polos xastres Fernando Freire e Ramón Lareo e que se desenvolverá ata finais do mes de abril de 2024, co obxectivo de transmitirlles aos participantes as claves dun oficio de gran relevancia no sector téxtil.
En canto ao tecido tradicional, neste mes de novembro desenvolverase tamén o curso Iniciación ao picote, impartido polo obradoiro Pal.lium no seu taller do Hío (Cangas). O picote, tamén coñecido como candil, é un pano denso urdido con liño ou algodón e tramado con la que se tecía tradicionalmente en toda Galicia, principalmente para confeccionar prendas de vestir.
O artesán Rafael González será o encargado de dirixir a formación especializada en técnicas de pasamanería, un elemento fundamental no traxe tradicional galego con múltiples aplicacións na artesanía contemporánea, que se celebrará en Gondomar.
Nestes primeiros cursos do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas tamén se lle dedica un espazo á transmisión da olería tradicional de Buño. Entre novembro e abril, o oleiro Antonio Pereira “O Rulo” impartirá o curso Formas tradicionais da olería de Buño no que participan tanto oleiros profesionais como novos emprendedores con formación en cerámica.
No ano 2024, está previsto incrementar o número de actividades formativas especializadas en técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios co obxectivo de ampliar o abano de oficios tradicionais nos que asegurar o relevo xeracional.