A Xunta vén de aprobar o proxecto básico do novo centro de saúde de Muíños, que suporá un investimento estimado de preto de 975.000 euros. O obxectivo da Xunta é poder licitar as obras no primeiro semestre do 2024, unha vez sexa aprobado o proxecto construtivo e tramitada a licenza para a súa execución.
Este proxecto enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Muíños, polo que a entidade local puxo á disposición da Xunta unha parcela de 800 m2 para construír o centro de saúde.
O novo centro situarase nunha parcela próxima ao núcleo de Mugueimes, onde xa existe na actualidade outro centro sanitario. A situación é próxima á Casa do Concello, ao campo de fútbol, á residencia de maiores “Virxe da Clamadoira”, á farmacia e a todos os equipamentos públicos e privados do municipio.
Características técnicas
En canto ás características técnicas, o centro de saúde contará cunha superficie de 450,77 metros cadrados construídos, distribuíndose en dous andares: o semisoto e a planta baixa. O semisoto proxéctase no espazo libre entre o terreo natural e a planta baixa e destínase exclusivamente para cuartos de instalacións, con acceso desde a fachada oeste.
A planta baixa distribúese de maneira esquemática formando unha U, cun centro dedicado á área de entrada, unha zona oeste coa área de adultos e respiratorios e unha ao oeste para a área de persoal.
Desde o acceso, con zona cuberta exterior para ambulancia, o usuario conta coa zona de recepción, con mostrador adaptado. A sala polivalente de respiratorios sitúase inmediatamente próxima á recepción, con zona de espera e aseo propio conectado coa consulta. A súa zona de espera queda nunha área reservada, con vistas cara ao bosque.
Cómpre destacar que o edificio se construirá con materiais que priman a integración e a funcionalidade. Así, óptase por unha cuberta plana vexetal polo seu bo funcionamento enerxético e ademais pola súa maior sostibilidade. O acabado exterior combinará materiais durables como o formigón.
En relación ao interior, empregarase a carpintería interior de madeira co fin de acadar un aspecto cálido para o usuario, así como unha funcionalidade acústica adecuada.