Ourense Provincia

A Xunta avanza no desenvolvemeto do polígono agroforestal de Oimbra

José González salientou que o polígono abrangue unha superficie de case 22 hectáreas e que a súa principal orientación produtiva é cara a cultivos de horta, como os da Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Oímbra, e leñosos.

Óscar Gómez

Ourense | 28.11.2022 09:00

A Xunta avanza no desenvolvemeto do polígono agroforestal de Oimbra
A Xunta avanza no desenvolvemeto do polígono agroforestal de Oimbra | onda cero

O titular de Medio Rural confirmou ademais que esta iniciativa conta xa estudo de viabilidade favorable e coa declaración de utilidade pública e interese social, polo que se teñen comezado os traballos de redacción do seu Proxecto básico. O polígono abrangue unha superficie de case 22 hectáreas distribuídas en 72 parcelas correspondentes a 73 propietarios. A súa principal orientación produtiva é cara a cultivos de horta, como os da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Oímbra, e leñosos.

O conselleiro salientou que este polígono súmase a outros 14 xa iniciados ou en actuacións previas na provincia ourensá, que representan a maioría dos 21 abertos no conxunto de Galicia. Neste senso, matizou que hai diferentes iniciativas abertas, entre as que destacou o polígono da Gudiña, o de castiñeiros en Riós e os de Monterrei e Cualedro, neste último tamén se vai comezar a traballar en breve. Ademais, José González puxo en valor outra ferramenta da Lei de recuperación para a mobilización de terras, como son as aldeas modelo. Así, destacou que tamén neste caso 14 das 21 aldeas aprobadas na nosa comunidade corresponden a Ourense.

Esforzo orzamentario

Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor o esforzo orzamentario da Xunta para impulsar estes instrumentos da Lei, indicando que nos presupostos de 2023 destinaranse 5,9 millóns de euros ao seu desenvolvemento, o que supón un 11 % máis de fondos ca no 2022. Explicou, así mesmo, que estes cartos se distribúen en 4,4 millóns de euros para actuacións en aldeas e polígonos e os restantes 1,5 millóns para a recuperación da terra agraria nas zonas afectadas este ano por grandes incendios forestais.

Neste contexto, González lembrou que o obxectivo dos polígonos agroforestais céntrase na volta á produción de terra abandonada de extraordinaria calidade, como no caso de Oímbra, potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. Sinalou ademais que a iniciativa de levalos adiante pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto.

En parecidos termos, o conselleiro indicou que tanto os polígonos como as aldeas e as agrupacións de xestión conxunta resultan tamén claves na loita contra os incendios, xa que promoven a xestión da terra e a ordenación do territorio rural. Un territorio no que, engadiu, “cada cousa está no seu sitio”, o que lle permite ser máis resiliente diante do lume. Por iso, remarcou González, “avogamos por un enfoque de paisaxe en mosaico, con descontinuidades que freen o avance dos incendios”.

Por último, tras a visita aos terreos do polígono, o conselleiro e a directora xeral reuníronse cos propietarios dos predios, co fin de impulsar estas actuacións e de ofrecerlles asesoramento para actualizar os documentos acreditativos da titularidade das súas parcelas.