A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou por desfrutar dun entroido sostible a través dun consumo responsable e da reciclaxe dos residuos tanto nos fogares como nos lugares de celebración desta festa tradicional.
Durante unha visita ao expositor da campaña ‘Separar con xeito’, instalado en Laza, co gallo da celebración nesta localidade ourensá dun dos entroidos máis tradicionais do mundo que conta, ademais, co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de aplicar “a función multi-R”.
Así, tras lembrar que Xunta e Ecoembes levan anos colaborando en 'Separar con xeito' co fin de impulsar a economía circular e a reciclaxe en todo tipo de eventos e festas gastroculturais, animou á cidadanía a levar a cabo “prácticas respectuosas” que consisten en reutilizar antigos disfraces; reparalos en caso de que estean algo deteriorados e reciclalos dándolles unha segunda vida. O obxectivo fundamental é reducir a pegada ecolóxica destas celebracións.
Nesa liña, a conselleira puxo en valor que municipios como Laza, que durante estas datas reciben moitos visitantes, conten con recollida selectiva para facilitar “o sinxelo, pero fundamental” xesto de separar correctamente os residuos por tipoloxía e depositalos no contedor correspondente para acadar unha boa xestión e avanzar cara a un futuro máis sustentable.
Estes xestos individuais demostran a responsabilidade ambiental da cidadanía e, neste senso, o Goberno galego seguirá a traballar para concienciar aos galegos e galegas da importancia da correcta separación en orixe e posterior depósito nos contedores, para propiciar a transformación en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas.