O director xeral destacou que o propio Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” busca fomentar un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques. Neste senso, subliñou que a través destas plantacións e da propia ruta búscase promocionar o uso social e turístico do monte, mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico de forma progresiva, como é o caso desta ruta. De feito, sinalou, o propio Plan ten a previsión de 25.000 hectáreas de infraestruturas verdes nos vindeiros 20 anos.
Precisamente, coa inauguración deste sendeiro circular promóvese esa dispoñibilidade de montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos, compatibilizados coa potencialidade e utilización forestal dos mesmos, tal e como se indica no Plan Forestal de Galicia.
Proxecto financiado polo Plan Leader
Esta ruta foi subvencionada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dentro das axudas do Plan Leader. Este proxecto -impulsado pola Comunidade de montes da parroquia de Moura- pon en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia de Moura cara a actividades turísticas, como punto de partida para a diversificación económica da contorna. Neste senso, esta ruta permite recuperar o espazo natural e de conservación da biodiversidade dos ecosistemas dentro do espazo incluído na Rede Natura 2000.
Desta forma, recupérase unha serie de sendeiros que forman unha ruta circular e permiten ao visitante percorrer a parroquia de Moura, partindo da praza do pobo de Alcouce e pasando por lugares significativos como As Codias, Penedo de Trigo, Penedo de Rufino, as Portas do Castro e Albariza Vella. Ten arredor de 7,5 quilómetros de percorrido e mediante cinco derivacións da ruta principal, pódese chegar ao Mirador da Lampa, entre outros puntos de interese.