A Xunta de Galicia celebrará o Nadal cun amplo abano de iniciativas de interese cultural nas súas bibliotecas e museos para toda a familia. A programación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, cuxa información está dispoñible na Axenda de Cultura de Galicia, inclúe iniciativas como sesións de contacontos, obradoiros, exposicións ou visitas guiadas. Todas estas propostas complétanse cunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística do Goberno galego que arranca este venres e levará actividades a unha vintena de concellos.
Actividades para todos os públicos na provincia de Ourense
En canto á provincia de Ourense, as actividades impulsadas pola Administración autonómica inclúen os obradoiros Ciencia Sonora, o martes 27; As cavenícolas e as pinturas rupestres, o mércores 28; Están todos estes romanos!, o xoves 29; Os segredos de exipcio, o mércores 4 de xaneiro, e Romaniqueando, o xoves 5 de xaneiro, na Biblioteca Pública Nós. Todas estas propostas están dirixidas aos máis cativos da casa e requiren inscrición previa a través do número de teléfono 988 788 385.
Outro dos puntos centrais da programación de Nadal na provincia de Ourense é o Museo Etnolóxico de Ribadavia que conta cun amplo abano de actividades para as que é preciso inscribirse no teléfono 988 788 720 ou no enderezo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal. A primeira das actividades previstas será este venres, día 16, coa sesión Curiosidades do descoñecido Djibouti e continuará o luns día 19 co obradoiro Xogamos no etnolóxico?. Por último, están previstas visitas comentadas para toda a familia os días 22 e 28 de decembro.
Ademais, co gallo do Nadal en Rede, a Xunta levará actividades tamén ao Carballiño e ao Barco de Valdeorras, onde os máis cativos poderán gozar do concerto didáctico-sensorial os días 23 e 29 de decembro, respectivamente.