Medioambiente

A Xunta colabora co Concello de Avión na adquisición dun vehículo ambiental ECO

Natalia Prieto, visitou co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o concello de Avión, que recibiu unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental de 28.650 euros

Óscar Gómez

Ourense | 23.03.2022 09:26

A Xunta colabora co Concello de Avión na adquisición dun vehículo ambiental ECO
A Xunta colabora co Concello de Avión na adquisición dun vehículo ambiental ECO | onda cero

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Avión que contou o ano pasado cunha axuda de 28.650 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para a adquisición dun vehículo con distintivo ambiental Eco

O Goberno galego financiou a través da última convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental, que contou cun orzamento de 11 millóns de euros, 256 actuacións relacionadas coa adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, a contratación de persoal e equipamento para a protección do medio ambiente, así como melloras no saneamento, o abastecemento de auga ou a recollida de lixo e melloras da eficiencia enerxética no alumeado público ou en instalacións municipais.

Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello nos últimos anos supera 1 millón de euros, que foron destinados, entre outros proxectos, á instalación solar térmica na residencia de maiores de propiedade municipal; á creación dun espazo destinado a infancia en Barroso; ou á recuperación da antiga levada como sendeiro en Amiudal, dentro do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) en Albarellos, así como á adquisición de máquina retrocargadora para a realización de labores ambientais e de prevención de incendios forestais.

Tamén se instalou un punto para almacenamento temporal de residuos de construción e demolición, e outros residuos urbanos, xunto con melloras de eficiencia enerxética de alumeados públicos en diversas localidades do termo municipal de Avión.

No ano 2017 foron premiados co 3º premio dos Coopera pola creación do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño con 12.500 euros, no marco da Mancomunidade Turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, da que forman parte os concellos de Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea.