Emprego e Igualdade

A Xunta colabora co Concello de A Veiga para impulsar o emprego local

Avogou pola colaboración entre administracións e destacou a importancia de continuar con iniciativas como os obradoiros de emprego

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta colabora co Concello de A Veiga para impulsar o emprego local | onda cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo en Santiago de Compostela unha xuntanza co alcalde da Veiga, Juan Anta, na que avaliaron os programas do departamento autonómico dirixidos a impulsar a formación para o emprego.

Lorenzana destacou a importancia da colaboración coa administración local para incrementar as opcións laborais e a igualdade de oportunidade das galegas e galegos. Así, abordou co alcalde diferentes liñas de colaboración neste eido, ao tempo que expuxo as liñas xerais do orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade para 2021. A conselleira puxo en valor a importancia de ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial.

Neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego son unha ferramenta importante para impulsar o emprego local, xa que son programas que ofrecen formación especializada e unha oportunidade laboral ás persoas sen emprego. De feito, o Concello da Veiga foi beneficiario dun obradoiro de emprego dual para a convocatoria 2020/2021.

Con respecto ao presuposto da Consellería para 2021, Lorenzana apuntou que as Contas inclúen un total de 355 millóns de euros, un 32% máis que en 2020, con principal reto de acadar unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e máis sostible e destacou que son uns orzamentos que teñen a vista posta no actual contexto socioeconómico, xerado pola crise sanitaria, para dar resposta a esta nova realidade, atendendo ás persoas e ás empresas.