O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou a disposición da Xunta en colaborar co concello de Ourense no proxecto de construción dun parque acuático termal así como en seguir consolidando á cidade como un referente en termalismo.
Así llo trasladou ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no marco da rolda de encontros con rexedores das principais cidades galegas tras os comicios municipais. O titular do Goberno autonómico salientou que durante o encontro acadáronse “acordos e desbloqueos” importantes para a cidade.
Un dos asuntos principais que abordaron ambos mandatarios foron medidas para seguir consolidando Ourense como un referente do termalismo. Nesta liña, Rueda lembrou que a Xunta achega diferentes axudas aos concellos para facer melloras nas instalacións de espazos termais públicos.
En canto ao proxecto de creación dun parque acuático termal na parcela do antigo Matadoiro Municipal, Rueda precisou que existe a posibilidade de financialo a través dos fondos Next Generation, pero apuntou que é necesaria máis concreción por parte do concello. Ademais, lembrou que para poder acceder a estas axudas é preciso cumprir unha serie de prazos e que as obras deben estar rematadas “antes do 31 de decembro de 2026”.
Impulso a novo CIS
Tras a reunión, Rueda tamén destacou o “desbloqueo” para iniciar á construción do primeiro Centro Integral de Saúde de Ourense, no que a Xunta investirá máis de 11 millóns de euros e que estará localizado nos terreos do actual centro de saúde Novoa Santos. “Vai ser un centro moderno e renovado que permita aumentar a carteira de servizos e unificar a atención ordinaria co PAC”, indicou o presidente.
Rueda, que detallou que o proxecto xa está aprobado e falta só a concesión da licenza municipal, asegurou que hoxe se chegou a un acordo co alcalde para “desbloquear” esta situación. O rexedor comprometeuse a elaborar o informe favorable que se precisa para poder iniciar as obras canto antes.
Ademais, Rueda lembrou que a Xunta vai investir máis de 50 M€ en actuacións no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense coa construción dun novo edificio que se sumará as obras na UCI o na área de Medicina Nuclear xa en marcha.
Transporte metropolitano
Rueda tamén abordou co rexedor a integración de Ourense no sistema de transporte metropolitano da Xunta. Neste senso, advertiulle a necesidade de que o Concello renove a concesión de transporte urbano, xa que é necesaria para acometer modificacións nos itinerarios das liñas, incrementos de frecuencias e instalación da tecnoloxía que precisa esta incorporación. O alcalde de Ourense mostrou a súa disposición a acometer os cambios necesarios para integrarse e trasladou unha proposta a Xunta que agora será estudada polo Goberno autonómico. “Isto é unha boa nova que vai permitir a todos os cidadáns que se desprazan entre Ourense e a súa área de influencia ou aos polígonos industriais desfrutar das rebaixas de pertencer ao transporte metropolitano”, salientou.
Eido social
No eido social, o presidente da Xunta lembroulle ao alcalde a necesidade de axilizar a concesión de licenzas para levar a cabo dúas obras claves para a cidade: a rehabilitación do centro de Reforma Monteledo e a construción da residencia de maiores impulsada por a Fundación Amancio Ortega.
A Xunta vai destinar case 900.000 euros á reforma e mellora enerxética do centro de menores de Monteledo. No entanto, Rueda advertiu que o inicio da obra está suspendido ata que o concello emita a licenza correspondente.
Por outra parte, Rueda tamén alertou de que para poder iniciar a construción da nova residencia de maiores que, segundo apuntou terá 120 prazas, é preciso facer unha obra de retranqueo do centro de transformación eléctrica que hai no terreo onde se vai localizar. E lembrou que tamén está pendente de licenza.
Plantación de árbores
Na reunión, tamén se abordou a petición do rexedor de plantar árbores na cidade para paliar as altas temperaturas que sofre en verán. O titular do Executivo galego valorouna como unha “boa idea” como experiencia piloto, pero pediu máis concreción ao concello como saber que zonas teñen unha maior necesidade ou que especies deberían plantarse.
Ciberseguridade
O presidente da Xunta referiuse tamén ao futuro centro de ciberseguridade da cidade, unha obra moi importante para Ourense e na que a Xunta investirá máis de 6 millóns de euros. En canto aos prazos, precisou que a previsión é adxudicar as obras en outono e empezalas a principios do ano que vén para que o centro poida estar en marcha en 2025.
Edificio administrativo
Rueda puxo en valor outros investimentos, como os 25 M€ que se destinarán ao novo edificio administrativo da Xunta e que, logo de pechar os temas pendentes, espera poder licitarse antes de que remate o primeiro trimestre de 2024.