Termalismo

A Xunta comprometese coa mellora do turismo termal na cidade de Ourense

Francisco Conde, sinala no Parlamento que se busca converter este potencial nunha verdadeira oportunidade para desestacionalizar a demanda e captar máis público.

Óscar Gómez

Ourense | 11.05.2023 08:46

A Xunta comprometese coa mellora do turismo termal na cidade de Ourense
A Xunta comprometese coa mellora do turismo termal na cidade de Ourense | onda cero

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou no Parlamento que a Xunta de Galicia leva anos traballando no fortalecemento e mellora do turismo termal con multitude de accións, e que a cidade de Ourense está entre as prioridades da Administración autonómica no impulso deste produto turístico. Conde subliñou que se busca converter este potencial nunha verdadeira oportunidade para desestacionalizar a demanda e captar máis segmentos de público, articulando unha oferta turística combinada co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo.

Entre outras actuacións, o vicepresidente económico indicou a regulación do uso lúdico das augas termais a través dunha lei pioneira en España, para promover un crecemento ordenado e sustentable deste sector. A través desta normativa, todos os aproveitamentos de xestión pública do municipio ourensán están regularizados desde o ano 2021. Desde a Administración autonómica tamén se puxo en marcha unha liña de axudas para facilitar o acondicionamento e mellora dos espazos termais de uso recreativo, dentro do cal se outorgaron diferentes axudas ao Concello de Ourense, ao que este ano tamén se vai conceder apoio para o proxecto das Termas das Burgas. Ademais, na Conferencia Sectorial de Turismo celebrada onte aprobouse a acción “Galicia Turismo Termal”, impulsada pola Xunta, cun orzamento de 10 millóns de euros.

Galicia é a primeira potencia termal de España e a segunda de Europa, con máis de 300 mananciais e 21 balnearios, os cales constitúen o 20% da oferta termal de todo o Estado, situando a comunidade á cabeza de España vinculada ao turismo de saúde. A estas cifras contribúe o patrimonio termal de Ourense, que é a segunda cidade europea con máis fontes termais.